A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou hoxe a zona acompañada do xefe do servizo técnico do IGVS e o arqueólogo que realizou o informe

Martina Aneiros pon en valor o traballo de investigación da Xunta sobre a orixe dos restos urbanos atopados nunha parcela do Rexurbe en Ferrol Vello

A representante do Goberno galego agradeceu o traballo do arqueólogo pero fixo un chamamento á cautela. “Serán os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural os que teñan a última palabra nas decisións a adoptar sobre a parcela”, dixo

Destacou a aposta decidida da Xunta pola “conservación, valoración e recuperación do patrimonio urbano, arquitectónico e cultural” neste barrio

Ferrol, 2 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe os traballos realizados na parcela da rúa Castro 22-24, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e na que se teñen achado recentemente restos urbanos cuxa orixe está a ser obxecto dunha investigación .

Durante a visita, Aneiros que estivo acompañada do xefe do servizo técnico do IGVS na Coruña, Valeriano Rosales e o arqueólogo que realizou o informe, Juan José Alonso Braña, interesouse polo resultado desta primeira análise que foi remitida ao Concello de Ferrol e será remitida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

“Serán os técnicos de Patrimonio os que teñan a última palabra nas decisións a adoptar sobre a parcela e os restos que nela se atoparon”, explicou a delegada do Executivo autonómico.

Aneiros aproveitou a ocasión para agradecer o traballo realizado polo arqueólogo pero puntualizou que non se trata dun informe vinculante. Tamén fixo un chamamento á cautela á hora de extraer conclusións. “Teremos que agardar pola resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que é quen ten as competencias na materia”

A delegada territorial puxo en valor o traballo realizado pola Xunta e que complementa á sondaxe arqueolóxica previa que se fixo no patio posterior do edificio e destacou a aposta decidida do Goberno galego pola “conservación, valoración e recuperación do patrimonio urbano, arquitectónico e cultural” no barrio de Ferrol Vello a través da súa declaración como área Rexurbe.

Trámites do Programa Rexurbe

Martina Aneiros lembrou que o edificio proxectado na parcela da rúa Castro 22-24 contempla dúas vivendas de promoción pública e un local comercial, no marco deste programa. “A obra está xa licitada cun orzamento base de preto de 900.000 euros e recibiu un total de seis ofertas que se están a estudar neste momento”, precisou.

Tamén recordou que a licenza de obra xa está solicitada ao Concello e avanzou que o pasado mes de maio se adxudicou a contratación dos servizos de dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde desta obra de rehabilitación, por algo máis de 25.000 euros. Tamén está licitada a contratación do servizo de control de calidade das obras.

Imaxes relacionadas