Arias felicita ao conservatorio de música Xoán Montes de Lugo por contribuír a dinamizar a vida cultural da cidade

O delegado territorial visitou o centro, dependente da Xunta, que ronda os 500 matriculados e imparte 19 especialidades

Está a realizar probas de acceso para o vindeiro ano académico e oferta un curso de iniciación gratuíto para nenos e nenas nados no ano 2015
 

Lugo, 2 de xuño de 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou hoxe ao equipo de profesionais do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, dependente da Administración autonómica, “por contribuír a dinamizar a vida cultural da cidade programando constantemente actuacións para achegar a música a todos os lucenses, amosar a extraordinaria calidade da formación que ofrece o centro e atraer novo alumnado”.

 

Arias visitou as instalacións acompañado do director, Daniel Borja Durán, e apuntou que en maio e xuño estanse a desenvolver as probas de acceso para o ano académico 2022/2023 nos diferentes niveis dos graos elemental e profesional. Ademais, o vindeiro ano o Conservatorio acollerá un curso de iniciación gratuíto con 30 prazas destinado a nenas e nenos nados no ano 2015.

 

O delegado explicou que a cifra actual de matriculados neste centro público é de 472, dos que 215 cursan o grao elemental e 257 o profesional. En total hai 63 docentes -49 deles a xornada completa- e impártense 19 especialidades: Acordeón, Canto, Clarinete, Contrabaixo, Fagot, Frauta travesa, Gaita, Guitarra, Óboe, Percusión, Piano, Saxofón, Trombón, Trompa, Trompeta, Tuba, Viola, Violín e Violoncello.

 

Subliñou así mesmo que tanto este centro como o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, tamén dependente da Xunta, “dan boa mostra da calidade das ensinanzas artísticas que se imparten na nosa Comunidade” e salientou que Galicia conta co modelo de educación artística máis accesible, coas taxas máis baixas de todo o país e con preto de 10.500 alumnos en total, dos que case o 30% son de ensinanzas artísticas superiores.