Fernández-Tapias inaugura en Vigo a exposición en homenaxe ás mulleres que lideran a defensa dos dereitos humanos

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou no Calvario na apertura da mostra “De oficio, defensoras: fotografías e voces de activistas arredor do mundo” organizada pola Coordinadora Galega de ONGD

“Merecen o noso recoñecemento e gratitude, debémoslle este tributo porque se xogan a vida nos lugares máis complicados para facer un mundo mellor”, asegurou a representante autonómica

Vigo, 2 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves na inauguración da exposición “De oficio, defensoras: fotografías e voces de activistas arredor do mundo” organizada pola Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento (ONGD), con motivo do seu 30 aniversario.

 

A representante autonómica destacou que o obxectivo do Goberno galego co apoio a este tipo de iniciativas, é fomentar a conciencia e a sensibilización da cidadanía co fin de promover valores de responsabilidade e solidariedade. “Merecen o noso recoñecemento e gratitude, debémoslle este tributo porque se xogan a vida nos lugares máis complicados para facer un mundo mellor”, asegurou.

A mostra inaugurouse no Mercado do Calvario, onde estará ata o vindeiro 22 de xuño, cunha instalación de catro cubos nos que se homenaxea a 15 mulleres activistas defensoras dos dereitos humanos e que colaboran coas ONGD galegas en países como Mozambique, Guatemala, Salvador, Colombia, Sáhara Occidental, Honduras, Chad ou Palestina.

Financiada con cargo ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Coordinadora Galega, a exposición forma parte dos actos de conmemoración do seu 30 aniversario.

Ademais, a delegada territorial transmitiu á Coordinadora Galega de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento a felicitación da Xunta de Galicia polo traballo desenvolvido ao longo destes anos. A Xunta de Galicia leva desde o ano 1997 colaborando con esta entidade para que poida levar a cabo as súas iniciativas.

Imaxes relacionadas