A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde, Blas García, o convenio que facilita a mobilidade dos veciños destas parroquias a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal

A Xunta e o Concello de Ames porán en marcha na segunda quincena de xuño os novos servizos de autobús entre as parroquias de Ortoño e Bugallido e Santiago, que empregarán 13.000 viaxeiros ao ano

Os novos servizos parten da proposta alternativa trasladada pola Xunta, cun incremento de frecuencias e a optimización dos servizos e un menor custo para a entidade local

A Xunta asume un reforzo de servizos na liña de transporte interurbano da súa competencia, incorporando 3 expedicións máis de luns a venres; aumentando 4 novas frecuencias os sábados e os festivos; e 2 novas viaxes en domingo

Ames (A Coruña), 2 de xuño de 2022 A Xunta e o Concello de Ames porán en marcha na segunda quincena de xuño os novos servizos de autobús entre as parroquias de Ortoño e Bugallido e Santiago, que empregarán 13.000 viaxeiros ao ano.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou hoxe co alcalde, Blas García, o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Ames para mellorar os servizos de transporte público por estrada aos veciños destas dúas parroquias.

 

Segundo destacou Ethel Vázquez, este acordo é froito do traballo da Xunta para achegar solucións, da man do Concello de Ames, para facilitar a mobilidade dos veciños destas dúas parroquias, afectadas pola supresión dos servizos de autobús urbano de Santiago.

 

A conselleira explicou que estes novos servizos de transporte público parten dunha proposta alternativa trasladada pola Xunta ao Concello que se sustenta no incremento de frecuencias e na optimización dos servizos, cun menor custo para a administración local, xa que se reduce a 1 os vehículos necesarios para a súa prestación.

 
 

Así, co acordo selado hoxe, a Xunta asume un reforzo de frecuencias na liña interurbana que conecta as parroquias de Ortoño e Bugallido con Santiago, no marco da concesión de autobús interurbano que presta a administración autonómica entre Extramundi de Arriba a Santiago.

 

Máis en detalle, a Xunta incrementará 3 frecuencias de luns a venres: 1 de ida sentido Santiago e 2 de volta; aumenta tamén 4 expedicións os sábados e os festivos: con 2 novos servizos, tanto á ida como á volta; e os domingos incrementa 2 servizos: 1 de ida a Santiago e outro de volta ás parroquias de Ames.

 

Tal e como apuntou Ethel Vázquez, estes servizos que se prestan co transporte interurbano da Xunta supoñen, a maiores dos que xa se introduciron en maio do pasado ano, máis de 16.000 km por vehículo ao ano.

 

Pola súa banda, mediante este convenio, o Concello de Ames comprométese a activar un servizo de interese municipal, que prestará servizo desde a rúa Alcalde Lorenzo ata a estación intermodal de Santiago, como complemento deses servizos que se prestarán desde a Xunta. Deste xeito, haberá 7 frecuencias de luns a sábado, con horarios que non se solapan coas frecuencias da liña interurbana de Extramundi de Arriba a Santiago da Xunta; e 6 frecuencias os domingos e festivos.

 

O convenio asinado hoxe terá vixencia ata o 31 de maio de 2026, e poderá ser prorrogado por un ou varios períodos sucesivos, ata un máximo de 4 anos máis.

 

Ethel Vázquez puxo este acordo como exemplo da vontade de cooperación entre a Xunta e o Concello de Ames para ofrecer máis e mellores servizos aos veciños, unha cooperación entre ambas as dúas administracións que fixo posible tamén a sinatura doutro convenio a comezos do mes de abril, para acondicionar a avenida da Peregrina, en Bertamiráns.

 

A conselleira indicou que, nese caso, se trata de mellorar o tramo da estrada autonómica AC-544, desde a intersección coa avenida da Maía cara adiante, ao longo de algo máis de 600 metros. Na intervención actuarase no firme nos dous carrís, nas beiravías e nas bandas de estacionamento e renovarase a sinalización, pintando vaos, zonas de carga e descarga, aparcadoiros ou pasos de peóns.

 

Mediante este acordo, o Concello executa as obras, que financia integramente a Xunta, cun investimento autonómico de case 82.000 €. O Concello de Ames comprométese, ademais, a aceptar a titularidade dese treito da AC-544, a totalidade da avenida da Peregrina.

Imaxes relacionadas