A Xunta remata a construción dunha senda na estrada AC-421 entre Valenza e Castrobó, no concello de Coristanco

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou máis de 30.000 euros a mellorar o acceso dos veciños destes núcleos, onde se atopan os servizos principais

Proxectouse un espazo para o tránsito seguro de peóns con zonas reservadas no treito situado entre os puntos quilométricos 5+440 e 5+630 da vía, que enlaza coa beirarrúa actual na marxe esquerda da estrada

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de construción dunha senda na estrada AC-421, entre Valenza e Castrobó, no concello de Coristanco.

O obxectivo desta actuación, cun orzamento de máis de 30.000 euros, foi mellorar a accesibilidade dos veciños do núcleo de Valenza, onde viven persoas con mobilidade reducida que ata agora tiñan difícil o acceso ao centro urbano de Castrobó, onde se atopan os servizos principais da zona.

A intervención permitiu configurar un espazo para o tránsito seguro de peóns con zonas reservadas ao longo do treito situado entre os puntos quilométricos 5+440 e 5+630 da estrada AC-421. A senda enlaza coa beirarrúa actual na marxe esquerda da estrada a partir do punto quilométrico 5+630.

A execución do novo itinerario peonil comezou por traballos de limpeza, despexe, roza e escavación do terreo para habilitar a senda con bordo e en formigón coloreado.

A intervención incluíu a mellora da rede de pluviais con rígola prefabricada de formigón e bordo e paso salvacunetas.

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños dun modo máis seguro e sustentable.

Imaxes relacionadas