A Xunta remata as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada OU-636 en Larouco

A intervención, cun investimento autonómico de 48.000 euros, desenvolveuse nos núcleos de Larouco e da Caseta

Os traballos incluíron a execución de cunetas transitables e o reforzo de seguridade nos pasos de peóns

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022 A Xunta vén de rematar as obras de mellora da seguridade e da accesibilidade da estrada OU-636 en Larouco, cun investimento de 48.000 euros.

 

As obras desenvolvéronse na estrada OU-636 ao seu paso polos núcleos de Larouco e da Caseta. Executáronse cunetas transitables que conectan coas beirarrúas xa existentes e adecuáronse os pasos peonís aos requisitos de accesibilidade.

 

No núcleo de Larouco executáronse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros para conectar coas beirarrúas que xa había.

 

Tamén se reforzou a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.

 

No núcleo da Caseta acometéronse dous tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910.

 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes.

Imaxes relacionadas