A Xunta avanza na elaboración do I Plan Galego contra a Trata, que estará vixente ata o 2025

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia onde informou que o Plan referendará o compromiso que a Xunta xa ten para coas vítimas desta lacra e na sensibilización contra a mesma

A Xunta está a avanzar na tramitación do documento que se atopa na fase de análise das alegacións dos diferentes órganos e entidades

A Xunta destina este ano medio millóns de euros para apoiar proxectos de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a atención social integral das mulleres e nenas vítimas da trata con fins de explotación sexual

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

A Xunta está a avanzar na elaboración do I Plan Galego contra a Trata e a Explotación sexual que pretende activar este ano e que estenderá a súa vixencia ata 2025. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia onde deu conta dos avances na elaboración do documento. 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a avanzar na tramitación do I Plan, “coa análise das alegacións remitidas polos distintos órganos e entes adscritos á Xunta de Galicia”, especificou López Abella. Unha vez rematada esta fase, o documento incorporará un calendario de actuacións, previsións orzamentarias e mecanismos de para a súa avaliación e seguimento.

O I Plan referendará o compromiso coa loita contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual que mantén firme a Xunta de Galicia, manifestou a secretaria xeral.

Galicia xa recoñece ás mulleres e nenas afectadas por trata con fins de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero, o que lles permite acceder, entre outros recursos, a axudas económicas mensuais e a servizos de apoio xurídico, psicolóxico, social e para a súa inserción laboral.

O I plan galego contra a trata e a explotación sexual referendará este apoio con medidas para a  atención, acompañamento e asesoramento integral e co reforzo da rede de acollida para mulleres que denuncien a coacción e violencia das que son obxecto.

López Abella lembrou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 450.000 euros a apoiar a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolven proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual preferentemente inmigrantes e/ ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. Cada entidade pode recibir como máximo 70.000 euros, con prioridade nos casos nos que se ofrezan recursos de acollemento residencial temporal.

Grazas a estas axudas, lembrou López Abella, desde 2016 a Xunta permitiu atender a máis de 3.600 persoas con apoios ás entidades por valor de 3,2 millóns de euros.    

A comunidade galega é ademais referente, tal e como subliñou a secretaria xeral, na colaboración coa Fiscalía Superior de Galicia para a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas desta lacra.

Para a Xunta, a trata constitúe a escravitude deste tempo e supón unha manifestación execrable de violencia contra as mulleres intolerable. Nesta liña, López Abella incidiu na necesidade de que o Goberno central avance nun marco que permita avanzar na persecución desta lacra e na prevención: “A Xunta leva anos urxindo unha Lei orgánica integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, que incida na prevención, na persecución de oficio do delito, promova a eliminación de publicidade de contido sexual e active programas de protección social e recuperación integral das vítimas”, manifestou. 

Imaxes relacionadas