A Xunta informa mañá venres aos comerciantes de Monforte do novo programa de axudas por 6M€ para a transformación dixital e a modernización do sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participará nun networking sobre esta convocatoria que se celebrará a partir das 16 horas no centro cívico do Malecón

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022 A Xunta organiza mañá venres, 3 de xuño, a partir das 16 horas, un networking con comerciantes e artesáns de Monforte de Lemos para presentarlles o novo programa de axudas por 6 millóns de euros para impulsar a transformación dixital e a modernización do sector comercial e artesán galego.

 

O encontro, organizado en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) no marco da iniciativa Conecta Lugo, celebrarase no centro cívico do Malecón (situado no Paseo do Malecón, 26). Contará coa participación do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, quen informará aos asistentes sobre a convocatoria, da que se poden beneficiar pemes comerciais de menos de 20 traballadores e obradoiros artesáns.

 

A través deste programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 23 de xuño, apoiaranse actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, márketing dixital, loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos.