A Xunta convoca preto de 1 M€ en axudas aos grupos de desenvolvemento rural para deseñar novas estratexias participativas no marco do programa Leader

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que contempla as bases reguladoras destas achegas, cun orzamento de 840.000 euros que supón case triplicar o presuposto da anterior convocatoria de 2016

Está orientada a que os grupos poidan levar a cabo un completo proceso de participación pública que integre a toda a poboación e axentes locais, para dispoñer o antes posible dunha estratexia adaptada á nova realidade social e normativa do rural

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que contempla as bases reguladoras para a selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, de cara á concesión de axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo. A convocatoria conta cun orzamento de 840.000 euros que supón case triplicar o presuposto da anterior convocatoria de 2016, co fin de que os grupos poidan levar a cabo un completo proceso de participación pública que integre a toda a poboación e axentes locais, así como de dispoñer o antes posible dunha estratexia adaptada á nova realidade social e normativa do medio rural.

 

En concreto, búscase que as organizacións candidatas leven a cabo un exhaustivo proceso participativo, realizando unha análise e diagnóstico do seu ámbito territorial, avaliando os resultados obtidos nos programas Leader anteriores, analizando o novo marco normativo e institucional e a situación actual de uso e xestión do territorio no ámbito correspondente. Tamén propoñendo proxectos piloto relevantes para a economía e a sociedade da comarca, establecendo un plan de acción e, finalmente, desenvolvendo a súa estratexia de xeito coordinado cos restantes grupos de desenvolvemento rural.

 

Con este fin, as bases reguladoras da convocatoria esixen a adaptación das estratexias ás novas políticas e normativas europeas -como a nova PAC, o Pacto Verde Europeo, a Estratexia da Granxa á Mesa ou a Estratexia de Biodiversidade para 2030- e autonómicas, especialmente das vinculadas ao medio rural, como son as diferentes estratexias sectoriais, o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ou a Lei de recuperación da terra agraria.

 

Ao abeiro da convocatoria seleccionaranse candidatos ao recoñecemento como entidade colaboradora na medida Leader e Grupo de Desenvolvemento Rural. Entre os gastos subvencionables atópanse os relativos a persoal, de desprazamento, para a elaboración de estudos, informes e asistencias técnicas ou os derivados dos traballos de coordinación que sexan necesarios para a realización das tarefas recollidas na orde.

Imaxes relacionadas