A Xunta financia a contratación de 63 perceptores da Risga en doce concellos das bisbarras de Pontevedra e Caldas cunha achega de 906.000€
O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta nova concesión, orientada a reforzar os servizos públicos e a garantir a inclusión social destas persoas desempregadas, tras unha reunión na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño
Os concellos de Pontevedra e Marín, con 20 e 10 traballadores, respectivamente, son os municipios máis beneficiados e recibirán apoios de 336.304€ e 146.061€ para realizar estas contratacións, que tamén chegarán á Lama, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Poio, Caldas de Reis, Cuntis, Pontecesures e Valga
Pontevedra, 2 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, vai financiar a contratación de 63 traballadores temporais, entre persoas desempregadas en situación ou en risco de exclusión perceptoras da Risga, en doce concellos das bisbarras das Terras de Pontevedra e Caldas cunha achega de 906.551 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou esta mañá desta nova concesión de traballadores a prol dos concellos, orientada a reforzar os servizos públicos municipais e a garantir a inclusión social destas persoas sen emprego, tras unha reunión celebrada no edificio administrativo de Campolongo na que analizou a resolución definitiva coa xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Marta Mariño, antes da súa notificación aos concellos beneficiarios ao longo da xornada de hoxe.
“Tras as importantes axudas outorgadas aos concellos da provincia para a contratación de socorristas e de persoal para prevención de lumes forestais a través do programa Aprol Rural, dende a Xunta volvemos a colaborar coas administracións locais, neste caso favorecendo a contratación de persoas en risco de exclusión que se adicarán, principalmente, a tarefas de limpeza e obras públicas, o cal redundará no seu crecemento persoal e integración social e tamén no interese xeral coa mellora e reforzo dos servizos públicos”, detallou o representante autonómico.
Na comarca das Terras de Pontevedra, os oito concellos beneficiarios poderán incorporar a 56 traballadores de entre os perceptores da Risga grazas a unha achega de 812.547 euros, mentres que na de Caldas haberá ata sete contratacións en catro municipios financiadas cunha partida de 94.004 euros. Todos os traballadores terán un contrato por espazo de nove meses e unha xornada do 75% do réxime xeral.
Concello | Perceptores Risga | Traballadores | Axuda | Servizo |
Pontevedra | 235 | 20 | 336.304€ | Obras públicas / Zonas Verdes |
Marín | 91 | 10 | 146.061€ | Obras públicas |
Cerdedo-Cotobade | 17 | 5 | 73.030€ | Servizo de limpeza |
A Lama | 18 | 5 | 73.030€ | Mantemento de espazos |
Bueu | 35 | 5 | 61.951€ | Servizo de inclusión |
Poio | 32 | 5 | 54.258€ | Servizo de limpeza |
Ponte Caldelas | 14 | 5 | 54.258€ | Limpeza de parques |
Campo Lameiro | 1 | 1 | 13.649€ | Coidado de zonas verdes |
Cuntis | 5 | 2 | 30.212€ | Mantemento de obras |
Pontecesures | 13 | 2 | 29.123€ | Servizo de limpeza |
Caldas de Reis | 7 | 2 | 20.062€ | Servizo de limpeza |
Valga | 1 | 1 | 14.606€ | Coidado do medio natural |