Lete Lasa destaca as innovacións da 55ª edición do Rallye de Ourense que seguen mantendo vivas a "química e a maxia" de Estanislao Reverter

Terá lugar do 16 o 18 de xuño e conta cunha achega de preto de 16.000 euros da Xunta de Galicia

Ourense, 1 de xuño de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Gabriel Alén, participou na presentación da 55ª edición do Rallye de Ourense que terá lugar do 16 o 18 de xuño. No acto, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, Lete Lasa destacou o legado do “pai do automobilismo galego, Estanislao Reverter” e a súa fundamental relación co rali.

 

Neste sentido lembrou as tres creacións de Lalao que “coas súas mans de alquimista” fabricou un “vehículo mítico”, como o Alpinche que “volve ruxir polo asfalto ourensán case medio século despois da súa invención”; a Escudería Ourense que segue adaptándose os novos tempos e que vén de renovarse co seu novo presidente Jano Fraga; e por suposto ao Rallye de Ourense que cada ano incorpora numerosas innovacións que representan a “química e a maxia” coa que Reverter ideou o rali en 1967.

 

Respecto a este punto, o mandatario galego subliñou o carácter pioneiro do tramo urbano que percorrerá a Ponte do Milenio. Ademais, sinalou as grandes virtudes do rali que “xa foi elixido en varias ocasións como a mellor proba de España, que foi puntuable para o Campionato de España de Rallyes de Asfalto na maioría das súas edicións, que tamén chegou a formar parte do circuíto europeo e que neste 2022 forma parte como a única proba galega do Super Campionato de España de Rallyes de Asfalto, o circuíto da Federación Española de Automobilismo onde se atopan as mellores probas do calendario nacional”.

 

Por todos estes motivos, dixo o secretario xeral, a Xunta de Galicia -que este ano patrocina ao rali cunha achega de 15.730 euros- sempre estará ao carón dun dos eventos deportivos máis importantes de Galicia.

 

Imaxes relacionadas