A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural visitou hoxe o centro de día Soutomaiores, financiado con máis de 134.000 euros de axuda Leader

A Xunta investirá preto de 1 M€ para axudar aos grupos de desenvolvemento rural a deseñar novas estratexias participativas de dinamización no marco do programa Leader

Inés Santé, que estivo acompañada polo director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, avanzou que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá esta orde de achegas, cun orzamento de 840.000 euros que supón case triplicar o presuposto da anterior convocatoria de 2016

Está orientada a que os grupos poidan levar a cabo un completo proceso de participación pública que integre a toda a poboación e axentes locais, para dispoñer o antes posible dunha estratexia adaptada á nova realidade social e normativa do rural

Sobre o centro de día de Soutomaior, situado na parroquia de Sobral para dar servizo a persoas maiores con necesidade de coidados, a achega xestionada pola Xunta permitiu cubrir preto da metade do seu investimento

Soutomaior (Pontevedra), 1 de xuño de 2022

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, anunciou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá unha orde de axudas destinada á selección de organizacións candidatas a converterse en grupos de desenvolvemento rural (GDR), de cara ao financiamento da elaboración das futuras estratexias de desenvolvemento local. Contará cun orzamento de 840.000 euros que supón case triplicar o presuposto da anterior convocatoria de 2016, co fin de que os grupos poidan levar a cabo un completo proceso de participación pública que integre a toda a poboación e axentes locais, así como de dispoñer o antes posible dunha estratexia adaptada á nova realidade social e normativa do medio rural.

A directora xeral fixo o anuncio durante a súa visita ao centro de día Soutomaiores, que recibiu unha axuda do programa Leader de máis de 134.000 euros. Alí, Inés Santé -que estivo acompañada do director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón- destacou que a achega xestionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, previa selección do GDR Pontevedra-Morrazo, supuxo cubrir o 45% do investimento destas instalacións emprazadas na parroquia de Sobral, en Soutomaior, co obxecto de atender persoas maiores con necesidade de coidados.

En concreto, proporciónaselles aos usuarios os servizos básicos de atencións na vida diaria, sociais, sanitarios e de apoio encamiñados á mellora da actividade habitual, a facilitar a súa autonomía, aseo e hixiene persoal, así como acompañamento médico ou hospitalario. Tamén servizos de terapia fisioterapéutica, transporte, comedor, perruquería, logopedia e actividades complementarias como obradoiros con música e animais. Cómpre engadir que este centro está deseñado para unhas 48 prazas de atención a maiores, nunha parcela de 850 m² cunha superficie útil de 230,05 m².

A nova convocatoria

A orde de achegas que se publica mañá no DOG está orientada á selección de organizacións candidatas a converterse en entidades colaboradoras na medida Leader de Galicia para o período 2023-2027, convocando axudas orientadas á adquisición de capacidades e para accións preparatorias en apoio do deseño das futuras estratexias de desenvolvemento local participativo para dito período de programación.

 

Así, búscase que as organizacións candidatas leven a cabo un exhaustivo proceso participativo, realizando unha análise e diagnóstico do seu ámbito territorial, avaliando os resultados obtidos nos programas Leader anteriores, analizando o novo marco normativo e institucional e a situación actual de uso e xestión do territorio no ámbito correspondente, propoñendo proxectos piloto relevantes para a economía e a sociedade da comarca, establecendo un plan de acción e, finalmente, desenvolvendo a súa estratexia de xeito coordinado cos restantes grupos de desenvolvemento rural.

 

Con este fin, as bases reguladoras da convocatoria esixen a adaptación das estratexias ás novas políticas e normativas europeas -como a nova PAC, o Pacto Verde Europeo, a Estratexia da Granxa á Mesa ou a Estratexia de Biodiversidade para 2030- e autonómicas, especialmente das vinculadas ao medio rural, como son as diferentes estratexias sectoriais, o Plan Forestal de Galicia 2021-2040 ou a Lei de recuperación da terra agraria.

 

Ao abeiro da convocatoria que se publica mañá seleccionaranse candidatos ao recoñecemento como entidade colaboradora na medida Leader e Grupo de Desenvolvemento Rural, así como socios destas organizacións solicitantes. Entre os gastos subvencionables atópanse os relativos a persoal, de desprazamento, para a elaboración de estudos, informes e asistencias técnicas ou os derivados dos traballos de coordinación que sexan necesarios para a realización das tarefas recollidas na orde.

Imaxes relacionadas