A Xunta retoma as obras da vía Ártabra para concluír o enlace coa N-VI en Iñás, no concello de Oleiros

A Administración autonómica presentou dous recursos de casación ante o Tribunal Supremo fronte ás sentenzas sobre esta infraestrutura ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

O Goberno galego realizará os traballos necesarios para concluír o enlace a tres niveis xa iniciado de conexión da Vía Ártabra coa N-VI, co fin de garantir a seguridade viaria, a fluidez de tráfico e a ordenación da contorna

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022 A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, retomou hoxe as obras da Vía Ártabra co fin de concluír os traballos de construción do enlace desta infraestrutura coa N-VI en Iñás, no concello de Oleiros.

 

O Goberno galego realizará estes traballos en tanto en canto non se resolven os recursos de casación presentados pola Administración autonómica ante o Tribunal Supremo fronte as sentenzas ditadas en relación con esta infraestrutura polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

 

Esas dúas sentenzas son resultado das decisións adoptadas no ano 2009 polo Goberno bipartito sobre o procedemento seguido para a aprobación do proxecto de trazado da conexión da Vía Ártabra coa AP-9. As sentenzas non cuestionan o proxecto de trazado decidido polos técnicos de Infraestruturas da Xunta como o máis acaído, senón a tramitación da súa aprobación.

 

De forma paralela ao proceso xudicial, a Xunta reiniciou as obras destinadas a concluír o enlace a tres niveis proxectada no proxecto de conexión da Vía Ártabra coa AP-9 para a súa conexión coa N-VI en Iñás, Oleiros.

 

Considérase imprescindible concluír esta actuación, xa iniciada, para garantir a seguridade viaria dos condutores, a fluidez do tráfico e a ordenación do territorio da contorna.

 

A configuración final do enlace será tal e como estaba proxectada: cun nivel superior para a N-VI con 4 carrís de circulación, un nivel intermedio con forma de glorieta e un nivel inferior para darlle continuidade á Vía Ártabra, que quedará preparado para a súa prolongación futura cara a AP-9.

 

Os traballos retomáronse hoxe e a previsión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é que poidan estar concluídos na primavera do vindeiro ano. Unha vez rematadas estas obras, rescindirase o contrato coa UTE adxudicataria do contrato de construción da prolongación da Vía Ártabra.

 

Tal e como avanzara a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, unha vez que se complete o enlace de Iñás, a conexión desta infraestrutura coa AP-9 quedará en suspenso ata que o proxecto conte con plenas garantías xurídicas.

 

A Xunta lamenta as consecuencias da ofensiva xudicial emprendida polo Concello de Cambre contra unha infraestrutura estratéxica para a Área da Coruña e lembra que o obxectivo dese municipio a prol dunha conexión coa AP-9 en Catro Camiños é inviable, por achegar menos seguridade xurídica, ter máis impacto territorial e ser contrario aos criterios do Ministerio de Transportes, que debe autorizar o entronque.

Imaxes relacionadas