A Xunta recibe as ofertas de 13 empresas para executar as obras de mellora do firme na LU-113 no concello de Abadín, cun investimento de máis de 2,5 M€

Rehabilitarase e acondicionarase o firme ao longo de 7,8 km, comezando á altura do enlace coa estrada LU-121 e rematando na conexión coa autovía do Cantábrico

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras ao final do verán co obxectivo de executalas neste ano

Acometeranse actuacións que redundarán na mellora das condicións da vía, complementadas con outras intervencións que incrementen a capacidade estrutural do firme, co fin de adaptalo ao tráfico que soporta e acadar unha vida útil axeitada
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 13 empresas para executar as obras de mellora do firme na estrada autonómica LU-113, ao seu paso polo concello de Abadín, que suporán un investimento de máis de 2,5 M€.

 

O obxecto da intervención é o acondicionamento e rehabilitación de firme ao longo dos últimos 7,8 km do treito da LU-113, de Moncelos a Abadín, que redundarán na mellora das condicións da vía e reforzarán a seguridade viaria.

Máis en detalle, as actuacións na LU-113, comprenderán o tramo comprendido entre o punto quilométrico 22+800, á altura do enlace coa estrada LU-121, ata o remate da estrada no punto 30+600, na conexión coa autovía do Cantábrico.

 

O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras a finais de agosto ou setembro deste ano, co obxectivo de executalas neste mesmo ano.

 

As obras consisten na reparación das zonas do firme con fisuración e dos treitos máis deterioradas en zonas puntuais ou con esgotamento estrutural do firme, complementadas con outras intervencións que incrementen a capacidade estrutural do mesmo, co fin de adaptalo ao tráfico que soporta e permitindo acadar unha vida útil axeitada.

 

Deste xeito, os traballos incluirán un reforzo do firme segundo as necesidades deste tramo da estrada LU-113, superficial ou máis profundo de saneo, dependendo do deterioro, así como o estendido dunha nova capa de rodadura.

 

Realizaranse fresados localizados cun espesor de 10 cm e a reposición realizarase de mestura bituminosa co mesmo espesor de 10 cm.

 

Tamén se executarán saneos localizados nas zonas deformadas e con esgotamento estrutural repoñendo o solo cemento actual de base con material procedente do fresado.

 

Ademais, actuarase no recrecido do firme a calzada completa, co espesor de 5 cm en todo o ancho da plataforma.

 

Tamén se propón actuar na mellora da drenaxe da estrada, coa execución de cuneta de seguridade revestida en formigón, a cal contará con tubo dren para evitar as filtracións á explanada.

 

Inclúense, ademais un conxunto de intervencións de mellora da seguridade vía: cunetas, sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, que teñen por obxecto mellorar as actuais prestacións das estradas en beneficio dos usuarios desta estrada LU-113.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.