A Xunta salienta en Barcelona a importancia do sector loxístico na boa marcha das exportacións galegas, que seguen a superar os rexistros históricos de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na presentación da marca Galicia Logistics no ‘Salón Internacional de la Logística de Barcelona (SIL)’, onde resaltou que “sen un bo servizo loxístico, hoxe non poderiamos falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións, deixando atrás, por primeira vez, os 25.000 millóns de euros”

Barcelona, 1 de xuño de 2022 O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na presentación da marca Galicia Logistics que tivo lugar no Salón Internacional de la Logística de Barcelona (SIL), onde puxo en valor a importancia deste sector na boa marcha das exportacións galegas, que seguen a superar neste 2022 os rexistros históricos acadados o último ano.

 

“Sen un bo servizo loxístico, hoxe non poderiamos falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións, deixando atrás, por primeira vez, os 25.000 millóns de euros”, subliñou Guldrís, quen recordou que neste 2022 “Galicia segue a demostrar a súa fortaleza e estabilidade”, como evidencian os datos do primeiro trimestre, no que as vendas ao exterior acadaron os 6.763 millóns cun incremento do
23,9% respecto ao mesmo período do anterior exercicio.

 

Neste marco, o director do Igape resaltou que a Xunta ten claro que, no ámbito internacional, “a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”.

 

A marca Galicia Logistics, incidiu Guldrís, busca potenciar o papel que Galicia pode ter na loxística internacional, reivindicando a Comunidade como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”.

 

O obxectivo, salientou, é trasladar á comunidade loxística fortalezas de Galicia tales como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, sendo un dos principais exportadores de Europa; portos áxiles e seguros, dotados da protección natural das rías; e a dispoñibilidade de solo empresarial adecuado para novas implantacións empresariais.

 

“A Xunta de Galicia está plenamente convencida e involucrada no desenvolvemento destas capacidades”, afondou o director do Igape, quen destacou que a Comunidade conta tamén con solo industrial desenvolvido capaz de acoller calquera tipo de empresa; liñas de axudas para facilitar investimentos que busquen crear emprego en Galicia; e “a determinación e os recursos para acompañar e facilitar o traballo a calquera nova instalación que queira valorar Galicia como emprazamento”.