A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións da entidade na rúa Alegre, nas que se presta este servizo

A Xunta concede preto de 115.000 euros á mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol para financiar a unidade de atención temperá que xestiona a asociación Aspaneps

A asociación atendeu a un total de 158 nenos, con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos residentes nos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño

O equipo de traballo está conformado por un logopeda e dúas psicólogas que traballan por mellorar as competencias dos menores

Ferrol, 1 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia vén de conceder unha achega de 113.840 euros á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para financiar a unidade de atención temperá que, dende 2019 xestiona a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps).

 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xefa territorial de Política Social, María Blanco e a presidenta de Aspaneps, Elena Rodríguez, visitou esta mañá as instalacións situadas na rúa Alegre. Dende a apertura do servizo prestouse atención a un total de 158 menores con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos e residentes nos concellos de Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño.

 

Aneiros destacou a importancia de unidades como esta e defendeu que “a detección precoz dos trastornos de desenvolvemento ou das situacións de risco de padecelos é clave para dar resposta ás necesidades dos menores e das súas familias”.

 

A representante do Executivo autonómico tamén puxo en valor o traballo dos profesionais desta unidade -un logopeda e dúas psicólogas- á hora de mellorar as competencias destes menores. “A vosa intervención profesional integral é decisiva para que cada neno ou nena chegue a alcanzar o máximo nivel de desenvolvemento persoal e de integración social”, indicou Martina Aneiros.

 

O apoio económico da Xunta a este programa enmárcase na concesión de axudas destinadas á entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de atención temperá 2022.

 

A contía de preto de 115.000 euros está cofinanciada parcialmente con fondos do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con encaixe no obxectivo de promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación.

 
10 novas unidades en Galicia

Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno galego financiará este 2022 a posta en marcha de dez novas unidades de atención temperá en toda a Comunidade que darán cobertura a 29 novos concellos, para reforzar e estender a rede pública autonómica.

 

Para garantir este servizo, que actualmente prestan 36 centros repartidos por toda a Comunidade, aos que hai que sumar os dez que se porán en marcha ao longo deste ano, o Goberno galego investirá 6,2 millóns de euros neste exercicio. A aposta que a Xunta de Galicia está a levar a cabo desde hai máis dunha década, engadiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, permitiu multiplicar por 15 o número de unidades en funcionamento desde 2009, cando só había dúas que cubrían 15 municipios, e multiplicar por dez o número de menores atendidos, que pasaron de 160 a 1.500.

Imaxes relacionadas