A Xunta ofertará por primeira vez en Galicia o ciclo de grao medio de pedra natural no instituto Ribeira do Louro do Porriño na modalidade dual

Trátase dun ciclo de Industrias Extractivas, con pouca oferta en España, que permite incorporar dita familia profesional á oferta galega

Impulsaranse tamén a actualización dos coñecementos do profesorado e o recoñecemento das competencias obtidas pola experiencia laboral

Román Rodríguez destaca o “prestixio” da Formación Profesional galega e a “confianza que cada vez máis empresas depositan neste modelo ao sumar os seus esforzos para avanzar na innovación e na transferencia de coñecementos”

Esta cooperación enmárcase na Estratexia FP Galicia 2030, que ten entre os seus eixes de actuación manter unha relación permanente cos sectores produtivos
 

O Porriño (Pontevedra), 1 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Cluster do Granito, Javier Blanco Silva, asinaron hoxe un convenio para a colaboración de ambas partes no impulso das ensinanzas de Formación Profesional. O primeiro dos froitos deste convenio será a oferta, por primeira vez en Galicia, do ciclo de grao medio de Pedra Natural, na modalidade Dual.

 

Tal e como explicou o conselleiro, as ensinanzas comezarán a impartirse no curso 2022/23 no instituto IES Ribeira do Louro, no Porriño, e supón a implantación en Galicia dunha nova familia profesional, a de Industrias Extractivas, e a incorporación á oferta galega dun ciclo con pouca oferta en España.

 

Esta iniciativa nace para dar resposta ás necesidades de formación de novos profesionais transmitida polo Cluster do Granito, o que vai supoñer unha oportunidade clara de emprego para as persoas que cursen este ciclo, e contará coa participación de empresas integradas nesta entidade. O número de alumnos concretarase a través dun convenio específico.

 

Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou a fortaleza que teñen as ensinanzas de FP en Galicia, que sobresaen “polo prestixio como unha alternativa educativa de calidade e con saídas profesionais de futuro” e pola “confianza” que cada vez máis empresas, como é o caso das firmas que integran o Cluster do Granito, depositan neste modelo “ao sumar esforzos para avanzar na innovación e na transferencia de coñecementos ao propio tecido empresarial”. “A rede de FP -abondou o conselleiro- xera oportunidades para avanzar na cualificación e na especialización técnica, o que contribúe a reforzar e potenciar o desenvolvemento das propias empresas”.

 

Colaboración en formación e acreditación

O acordo marco asinado hoxe ten como finalidade principal favorecer a participación das case medio cento de empresas que conforman o cluster nas diferentes ensinanzas de FP, así como dos seus traballadores no proceso de acreditación de competencias.

 

En concreto, comprométese a colaboración das compañías integrantes do cluster no programa de Formación en Centros de Traballo do alumnado, en proxectos de FP Dual, na capacitación do profesorado e na cesión de equipamento ou instalacións.

 

No referido á actualización de coñecementos, o Cluster do Granito poderá colaborar na actualización e orientación do profesorado dos ciclos formativos. Pola súa banda, a Consellería fomentará a obtención de titulacións de Formación Profesional e certificados de profesionalidade por parte dos traballadores das empresas dentro do proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias obtidas pola experiencia profesional.

 

A maiores, o acordo inclúe a colaboración das empresas no desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito dos centros de FP e o apoio mutuo centro-empresas, especialmente entre as pequenas e medianas empresas e os centros educativos que impartan estas ensinanzas.

 

Esta cooperación enmárcase na Estratexia FP Galicia 2030, que ten entre os seus eixes de actuación manter unha relación permanente cos sectores produtivos para detectar as necesidades e axustar a oferta formativa en cada momento.

 

Tras a sinatura do convenio, o conselleiro e o presidente do Cluster visitaron o instituto IES Ribeira do Louro, no que se imparten neste momento seis ciclos formativos: os de grao básico en Servizos comerciais e Electricidade e electrónica, de grao medio en Xestión administrativa e Instalacións de telecomunicacións, e de grao superior en Administración e finanzas e Comercio internacional.

Imaxes relacionadas