A Xunta destina 797.000€ aos quince concellos do Salnés e Caldas para a mellora de camiños ao abeiro do Plan marco

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución nunha visita de supervisión ás obras realizadas coa anterior convocatoria en Portocanles e Busto, no Concello de Catoiraa, xunto ao alcalde, Alberto García

Catoira, 1 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, vai destinar unha achega de 796.960 euros aos quince concellos das bisbarras do Salnés e de Caldas ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución para as comarcas nunha visita á Catoira, onde supervisou as obras realizadas en tres camiños dos lugares de Portocanles e Busto coa anterior convocatoria na compaña do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, do alcalde, Alberto García, e doutros representantes municipais, aos que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello increméntase este ano nun 24% ata alcanzar os 46.378 euros.

“A Xunta prevé inxectar preto de 800.000 euros nestas bisbarras para a mellora das súas pistas municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do campo. Ademais, a aposta pola colaboración cos concellos refórzase aínda máis, xa que a partida increméntase de xeito considerable, entre un 20% e un 30% en todos os casos, con respecto a 2021”, sinalou o representante autonómico.

En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural para a comarca arousana destina 57.860 euros para o Concello de Meis, 53.984 euros para Vilagarcía de Arousa, 53.121 euros para Sanxenxo, 51.706 euros para Ribadumia, 48.731 euros para Meaño, 48.495 euros para Cambados, 46.614 euros para O Grove, 45.202 euros para A Illa de Arousa e 44.586 euros para Vilanova de Arousa.

Respecto á bisbarra de Caldas, a distribución de fondos do Plan Marco outorga 56.100 euros ao Concello de Cuntis, 55.365 euros a Caldas de Reis, 53.797 euros a Portas, 48.652 euros a Valga, os citados 46.378 euros para Catoira, 45.124 euros para Pontecesures e 41.245 euros a Moraña.

Visita á mellora en Portocanles e Busto

Na súa visita ao municipio de Catoira, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de pavimentación de camiños en Portocanles e Busto, que foron executadas coa achega íntegra de máis de 37.000 euros do Plan Marco 2021-2022. Esta actuación consistiu na renovación do firme en diversos tramos de tres pistas, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía.

Ademais, o Concello de Catoira recibíu no último lustro, ao abeiro deste programa da Consellería do Medio Rural e do Plan de Infraestruturas Rurais, unha contía global de 237.963 euros, o que lle permitiu actuar en pistas de uso rural e agrícola nos citados lugares e noutros como Borreiras, Devesa, Abalo ou Bamio e poderá acometer, cos fondos concedidos este ano, a quinta fase do seu plan de mellora de camiños.

Imaxes relacionadas