O conselleiro de Sanidade insiste no seu apoio as políticas de igualdade no Servizo Galego de Saúde

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta mañá a Xornada "Micromachismos e macromachismos que permiten a violencia de xénero", no marco de execución do I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024), impartida por Marina Marroquí, educadora social e especialista en igualdade e violencia de xénero.

García Comesaña destacou o seu apoio as políticas de igualdade e que a intención do seu departamento é crear unha cultura organizativa baseada nos principios da solidariedade e do respecto entre iguais. Así mesmo lembrou que hai case un ano pactouse na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, co apoio unánime das organizacións sindicais participantes, o primeiro Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024). Sanidade está a traballar activamente na execución das 59 medidas de actuación incluídas, salientando que, na actualidade, máis do 60% delas xa están finalizadas ou en proceso de implantación. As mulleres representan preto do 80% do persoal do Servizo Galego de Saúde, o que as converte no motor da sanidade pública de Galicia.

Imaxes relacionadas