A Xunta remata a parcelaria da Braña, no concello lugués de Baleira, onde investiu preto de 1 millón de euros

Este proceso reorganizou unha superficie de 229 hectáreas, o que permitiu paliar o minifundismo presente na zona, dende o punto de vista da estrutura da propiedade

Pasouse de 735 parcelas a 188 predios finais, cuadriplicando así a superficie media das fincas e mellorando a estrutura territorial das explotacións da zona

Cabe destacar que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria permitiu reducir os custos de produción das granxas da zona ao concentrarse a súa base territorial

Desde o ano 2020, a Xunta entregou preto de 22.000 títulos de 20 concentracións parcelarias que beneficiaron arredor de 9.100 propietarios, incluíndo a de hoxe

No ano 2021 decretáronse cinco novos procesos nos concellos de Ordes, Friol, Castro de Rei e Outeiro de Rei
 

Baleira (Lugo), 1 de xuño de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de preto de 200 títulos de propiedade da concentración parcelaria da Braña, no concello lugués de Baleira, aos 86 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento por parte da Xunta de preto de 1 millón de euros.

 

Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de 229 hectáreas, a cal permitiu cuadriplicar a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 735 predios iniciais a 188 parcelas finais. Desta forma, salientou o conselleiro, conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona. Ademais, salientou que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a labradío, polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.

 

Neste senso, José González sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Por iso, estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, indicou o conselleiro, foron os preto de 22.000 títulos entregados de 20 concentracións desde o ano 2020 a arredor de 9.100 propietarios, incluídos os da parcelaria de hoxe en Baleira.

 

Así mesmo, o titular de Medio Rural reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización das 94 parcelarias que a día de hoxe están abertas, aclarando que en 58 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas. Nesta liña, indicou que para este ano 2022 o seu departamento conta cun orzamento de 12 millóns de euros para poder finalizar ditos procesos e seguir declarando novas parcelarias. De feito, lembrou que o pasado ano foron decretados cinco novos procesos nos concellos de Ordes, Outeiro de Rei, Friol e Castro de Rei. Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

 

Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de  recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.

Imaxes relacionadas