A intervención na rúa Doadores de Sangue terá afección ao tráfico nesta primeira etapa e os traballos desenvólvense en coordinación coa actividade escolar nesta zona

As obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol fan necesario o corte parcial do tráfico rodado desde mañá

A Xunta destina case 910.000 euros a esta actuación, destinada a dotar de acceso viario a planta soto -2 proxectada na ampliación do complexo hospitalario, que se destinará a servizos auxiliares de lavandería e restauración

As obras executaranse en dúas fases para minimizar o impacto no tráfico, comezando nesta primeira fase o corte parcial mantendo un sentido de circulación de vehículos

A partir do 23 de xuño, xa sen actividade nos centros de ensino, acometerase o corte total ao tráfico rodado, habilitándose e sinalizándose os correspondentes desvíos

Construirase un novo acceso coa execución dunha vía de servizo e coa reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcadoiros en liña

O Goberno galego continúa a traballar na gran renovación da sanidade pública de Ferrol á que se destina un investimento que supera os 58 M€

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

O inicio da execución das obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, fan necesario o corte parcial do tráfico rodado a partir de mañá.

 

Os traballos, que supoñen un investimento da Xunta de case 910.000 euros, permitirán dotar de acceso viario a planta soto -2 proxectada na ampliación e reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital, como lavandería ou restauración.

 

A intervención na rúa Doadores de Sangue, cun prazo total de execución de 8 meses, terá afección ao tráfico na súa primeira etapa, polo que foi necesario coordinar o seu desenvolvemento coa actividade escolar da zona.

Así, desde mañá permanecerá cortado nesta zona o tráfico, mantendo soamente un sentido de circulación de vehículos. A previsión da Xunta, a medida que avancen os traballos, é proceder ao corte total do tráfico rodado a partir do día 23 de xuño, habilitándose e sinalizándose os correspondentes desvíos.

 

A data prevista para a apertura do tráfico en condicións similares ás actuais prevese para principios de setembro. Máis adiante, realizaranse traballos que deberán executarse en coordinación coas obras da fase 1 do hospital, pero xa sen con menor afección ao tráfico.

 

En canto aos traballos en marcha, na execución do acceso tense en conta que debe ser compatible coa circulación actual, que se dirixe en ambos os sentidos ao longo da vía existente, polo que non se pode modificar o ancho da sección tipo, e manteranse as beirarrúas existentes, que serven de itinerario accesible.

 

Para isto, acometerase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña.

 

A nova vía de servizo, dada a cota de implantación do soto -2, suporá a modificación da cota de rasante actual da vía esquerda.

 

As tarefas consisten en realizar un desmonte ao lado esquerdo para adaptar a rasante do viario de servizo, xerando un muro de contención para a vía principal, que manterá a cota de rasante actual permitindo a circulación nas mesmas condicións que na actualidade.

 

Ademais, a actuación inclúe a reposición de servizos urbanos como o alumeado, a telefonía, o abastecemento, o saneamento, a liña eléctrica de media tensión e a condución de gas.

 

Esta actuación da Xunta súmase ás obras en execución desde comezos de maio de ampliación do aparcadoiro do Hospital Naval, que disporá a finais do verán do dobre de prazas de estacionamento, grazas a un investimento autonómico de 662.000 euros

 

Ao tempo, a Xunta segue a traballar na gran renovación da sanidade pública de Ferrol á que se destina un investimento que supera os 58 M€. Esta aposta ten a súa maior expresión na ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol, na que se segue avanzar, a pesar das dificultades derivadas da pandemia da covid-19 e da crise de materiais.