O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, presentan ‘Cidades no tempo’ no Gaiás

A Xunta e Afundación reivindican a Galicia urbana cun ambicioso proxecto de sete exposicións sobre a identidade das principais cidade galegas

A iniciativa ‘Cidades no tempo’, comisariada por Manuel Gago e coa participación dun equipo de máis de 60 especialistas, representa unha das propostas expositivas máis complexas organizadas en Galicia

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, salienta a necesidade de pór en valor “o legado, identidade e a memoria da Galicia urbana e da súa contribución na creación da cultura galega”

As mostras enmárcanse no programa do Xacobeo 21-22 e poderán ser visitadas nas sedes de Afundación en cada unha das principais urbes da comunidade, comezando por Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente de Afundación, a Obra Social ABANCA, Miguel Ángel Escotet, presentaron esta mañá Cidades no tempo, proxecto expositivo co que ambas institucións pretenden pór en valor a identidade urbana de Galicia. Esta proposta, unha das máis complexas e ambiciosas organizadas na nosa Comunidade nos últimos anos, está composta por sete mostras diferentes, unha por cada unha das principais cidades galegas.

Este novo proxecto cultural reivindica a Galicia urbana como compoñente clave da identidade galega, cun legado que se remonta séculos na nosa historia. Así, explora a singularidade de cada unha das cidades, diferentes entre si pero á vez fortemente conectadas. 

 

Cidades no tempo, un dos grandes proxectos do Xacobeo 21-22, está organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e Afundación, a Obra Social ABANCA. As sete mostras exhibiranse nas sedes de Afundación nas principais cidades galegas e desenvolveranse de xeito sucesivo, iniciándose o proxecto este venres coa inauguración de Santiago de Compostela no tempo. Unha vez clausurada en Compostela, continuará coas mostras de Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e finalmente Ourense, nun calendario que chega ata o 2024.

 

O conselleiro de Cultura salientou “a importancia de afondar no legado, identidade e memoria das cidades e na súa contribución para a creación da nosa cultura”. “A interacción entre urbanismo, sociedade e territorio serve de base para enfiar un discurso que leva ao visitante a explorar a cidade desde a súa orixe ata a actualidade”, engadiu Román Rodríguez, quen insistiu en que este proxecto permitirá a cidadanía “no só recoñecer, senón redescubrir a súa propia cidade” e funcionará tamén como unha “fermosa fiestra para que os visitantes e turistas que se acheguen a Galicia se formen unha imaxe más completa e precisa de nós, afastándose de estereotipos e falsos tópicos”.

Unha experiencia interactiva

Cidades no tempo propón un itinerario multimedia pola cidade como espazo habitado, vivido e construído máis alá das propias trazas urbanísticas: territorios urbanos con arquitecturas, culturas, identidades visuais e narrativas singulares, e que foron conformándose no tempo.

 

Para amosar e comprender todos estes procesos bota man de recursos diversos como son os modelos tridimensionais, obxectos históricos, documentos escritos (planos, deseños, proxectos) e audiovisuais, fotografías, ilustracións ou obras de arte. Todos estes elementos distribúense a través das seccións Mitos e orixes, Tramas, Escenarios, Padróns, Cidade narrada e Cidade que nos contamos.

Extenso equipo de expertos

Comisariada por Manuel Gago, o proxecto é o resultado da colaboración dun equipo de traballo que implica a máis de 60 profesionais, entre asesores, coordinadores e membros dos comités científicos locais, expertos procedentes de eidos tan diversos como a Xeografía, a Antropoloxía, a Filoloxía, a Arquitectura, a Comunicación ou a Historia; aos que hai que sumar os equipos de produción audiovisual, arte e contidos interactivos.

 

Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, dirixe a plataforma de divulgación cultural culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega e é profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Tras comisariar exposicións como Galicia, un relato no mundo ou Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, sitúase agora á fronte dun dos proxectos expositivos de maior complexidade técnica, contribuíndo a facer visible o traballo de décadas de investigación por parte dos investigadores locais ao redor das cidades galegas.

Imaxes relacionadas