A economía social exporá o seu potencial no Salón da Alimentación de Silleda da man da consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Oito cooperativas mostrarán os seus produtos no expositor da Economía Social instalado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no recinto feiral

Neste espazo ofreceranse degustacións e mostras de xeados, carnes, viños, queixos ou produtos da horta

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promoverá o cooperativismo como modelo de diversificación económica e de fomento do benestar a través dunha instalación propia no Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat, que se celebra en Silleda (Pontevedra) do 2 ao 5 de xuño.

O espazo institucional habilitado por este departamento da Xunta contará coa presenza de oito empresas que representan á economía social, en concreto aos sectores de produtos lácteos e derivados (Bico de Xeado, Poductores del Campo de Capela e Queixería Gaia); hortofrutícola (Postoiro e Terras da Mariña); cárnico (Cogal) e vitivinícola e outras bebidas (Bodegas Eidosela e Bodega Cooperativa Jesús Nazareno).

A Xunta brinda a estas firmas a oportunidade de dar coñecer e ofrecer degustacións dos seus produtos autóctonos como queixos, allos e cebolas, fabas, carnes, viños ou xeados.

Coa súa presenza, o Goberno galego quere referendar o seu compromiso coa economía social, un modelo relevante para o fomento do consumo de proximidade. En 2022 a Xunta de Galicia está a apoiar esta fórmula de emprendemento con máis de 35 millóns de euros.

Entre outras iniciativas, nas próximas semanas porase en marcha o Bono Consolida, para apoiar a consolidación de empresas vinculadas coa economía social; e o ES-Transforma, un programa co que o Goberno galego quere recuperar negocios en crise ou sen relevo xeracional a través de fórmulas de economía social.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a desenvolver ademais unha nova estratexia galega da economía social,  que beberá dos acertos da súa predecesora que estivo vixente entre os anos 2019 a 2021. Contou con máis de 89 millóns de euros, cos que se financiaron medidas para beneficiar a máis de 3.000 entidades que dan emprego a máis de 14.000 persoas.

Este modelo económico vén demostrando un gran dinamismo nos últimos anos en Galicia, comunidade pioneira á hora de lexislar no eido autonómico sobre a materia. En Galicia a economía social é forza chave no mercado laboral, onde representa xa o 7% do PIB.