A Xunta de Galicia recoñece a calidade da praza de Vilagarcía de Arousa co selo de mercado excelente

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou a praza, que sinala como un “vector de dinamización do comercio e da economía local”

A Administración autonómica activará este ano axudas por 1,4 millóns de euros para apoiar o labor dos mercados galegos e as asociacións de comerciantes

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 1 de xuño de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a praza de abastos de Vilagarcía de Arousa, que a Xunta vén de recoñecer co selo de Mercado Excelente. Tal e como explicou Conde, trátase dunha iniciativa que promove a Administración autonómica para recoñecer a calidade das infraestruturas, servizos e produtos das prazas e mercados galegos.

 

Así, o selo Mercado Excelente premia as reformas e adaptacións que se fixeron no mercado vilagarcián, en colaboración coa Xunta, relacionadas cos accesos, a eficiencia enerxética, o mantemento, a xestión, os servizos engadidos como o local de restauración, os servizos á clientela ou as campañas de dinamización.

 

Na súa visita, Conde sinalou que a reforma do mercado vilagarcián, froito da colaboración entre administracións, é “un exemplo para o resto de Galicia”, apuntando que ten permitido “converter esta praza de abastos nun vector de dinamización do comercio de proximidade e da economía local”. Do mesmo xeito, apuntou que a praza de abastos é tamén un elemento de atracción para todas aquelas persoas que visitan Vilagarcía de Arousa.

 

Tal e como avanzou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, para continuar impulsando a calidade e a profesionalidade dos mercados galegos, a Xunta ten previsto activar este ano un programa de axudas por 1,4 millóns de euros para equipamentos e dinamización destas infraestruturas do que se poderán beneficiar tanto os concellos como as asociacións e federacións de vendedores das prazas de abastos.

Imaxes relacionadas