O presidente da Xunta asistiu esta mañá á inauguración do XXXI Congreso da Sociedade Española de Cirurxía Plástica Ocular e Orbitaria

Rueda salienta a traxectoria do CHUS como referente nacional en cirurxía ocular, exemplo da aposta da sanidade pública galega pola innovación

Incide no compromiso do Goberno autonómico coa renovación integral do Servizo Galego de Saúde, con máis e mellores servizos

Pide ao Executivo central o mesmo esforzo que se está a facer desde as Comunidades en materia de recursos humanos, que asuma as súas responsabilidades e actúe ante a falta de médicos en toda España
 

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a traxectoria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago como referente nacional en cirurxía ocular, exemplo, aseverou, da aposta da sanidade pública galega pola innovación.

 

Durante a inauguración do XXXI Congreso da Sociedade Española de Cirurxía Plástica Ocular e Orbitaria, Rueda incidiu no compromiso do Goberno autonómico coa renovación integral do Servizo Galego de Saúde, con máis e mellores servizos. Así, recordou que a Unidade de retina cirúrxica e tumores intraoculares do CHUS foi pioneira na realización da biopsia pronóstica pretratamento, clave para identificar pacientes con alto risco de metástase; ou que o complexo santiagués é un dos dez centros de referencia que hai en España na reconstrución da superficie ocular complexa, empregando as últimas técnicas láser.

 

Nesta mesa liña, destacou o investimento de máis de 1,5 millóns de euros para a mellora do equipamento de oftalmoloxía para varios hospitais da comunidade; así como a compra de 26 retinógrafos para reforzar o equipamento na atención primaria. Iniciativas que se suman a outras como a adquisición dun equipo de ultrasóns de frecuencia focalizado (HIFU) para o CHUS, converténdoo no primeiro hospital público de España en ofrecer un tratamento pioneiro contra o párkinson e o tremor esencial; ou a compra de 7 sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci de última xeración, para as sete áreas sanitarias.

 

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu tamén en que os cidadáns esixen unha sanidade de calidade en todos os seus niveis, desde a atención hospitalaria á atención primaria; “e, desde Galicia asuminos a nosa responsabilidade cun investimento constante”, asegurou, subliñando que o pasado luns o DOG publicou unha oferta de estabilización de emprego público de 2.568 prazas na sanidade galega.

 

Sobre este punto, Rueda aproveitou ou acto para pedir ao Goberno central o mesmo esforzo que se está a facer desde as Comunidades en materia de recursos humanos; que asuma as súas responsabilidades e actúe ante a falta de médicos en toda España.

Imaxes relacionadas