A Xunta salienta en Ferrol a importancia da cooperación entre os axentes económicos para a creación de empresas, a mellora da competitividade e a atracción de investimentos

O director do Igape, Fernando Guldrís, intervén na clausura da xornada ‘Oportunidades para as empresas nos fondos Next Generation’, onde pon en valor que estes fondos deben contribuír ao desenvolvemento de proxectos transformadores no modelo produtivo

Ferrol, 31 de maio de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na clausura da xornada Oportunidades para as empresas nos Fondos Next Generation, no marco da Semana Campus Industrial de Ferrol. Un escenario no que resaltou “o papel importantísimo” da cooperación entre os distintos axentes económicos para promover a creación de empresas, impulsar a mellora da competitividade e facilitar a atracción de investimentos.

 

Unha colaboración da que, apuntou Guldrís, “é un bo exemplo” o convenio entre a Xunta de Galicia, a través do Igape, e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer). Un acordo, expuxo, que se centra na realización de actividades de promoción industrial, na captación do talento exterior, na elaboración de informes da situación económica e industrial da comarca, e no impulso ao desenvolvemento de proxectos aliñados cos fondos Next Generation.

 

“Desde a Xunta somos conscientes do esforzo que estades a realizar as pequenas e medianas empresas e os autónomos de Ferrolterra, Eume e Ortegal para responder ao novo contexto económico no que estamos, derivado da pandemia e da situación de Ucraína. Pero tamén somos optimistas ante as oportunidades que deben vir da man dos fondos Next Generation para acometer proxectos transformadores no noso modelo produtivo”, incidiu Guldrís.

 

Un marco no que o director do Igape destacou a importancia da nova Estratexia Naval que vén de activar a Xunta e que busca promover a cooperación entre estaleiros e potenciar a diversificación de produtos e mercados, posicionando así a Galicia ante o Perte do sector.

 

Neste sentido, afondou Guldrís, o obxectivo é que Galicia “ocupe o espazo que lle corresponde” no reparto dos fondos europeos, facilitando así a aposta pola dixitalización da cadea de valor, pola sostibilidade ambiental e pola mellora da formación e capacitación dos traballadores do sector.

 

Para isto, proseguiu o director do Igape, o Perte debe constituírse nun “fito fundamental”, tendo como obxectivo, precisamente, a transformación da cadea de valor da industria a través da diversificación, a dixitalización e a mellora da sustentabilidade ambiental, cunha aposta decidida polas enerxías renovables mariñas e os buques de baixas emisións.

 

“Temos que estar preparados para abordar con garantías de éxito este reto que se nos presenta no marco dos novos fondos europeos Next Generation, pero que tamén é unha grande oportunidade que debemos aproveitar para saír reforzados, e que pasa necesariamente pola colaboración público-privada, por unir forzas como a maneira máis eficaz de optimizar estes recursos”, concluíu Guldrís.

Imaxes relacionadas