A Xunta traslada aos centros as instrucións para facilitar a planificación do vindeiro curso e dar seguridade xurídica aos docentes e certezas ás familias

Estas indicacións regulan a transición entre cursos e entre etapas derivada da aplicación simultánea das dúas leis educativas que van estar en vigor ao longo do curso 2022-23, a nova LOMLOE para os cursos impares e a LOMCE para os cursos pares

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.- A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de trasladar aos centros educativos as instrucións de final deste curso e inicio do próximo 2022-23 correspondentes a cada unha das etapas educativas co obxectivo de facilitar ao máximo a organización e planificación lectiva por parte dos equipos directivos ao tempo que dar  seguridade xurídica aos centros e certezas ás familias.

 

Estas indicacións regulan a transición entre cursos e entre etapas a partir do vindeiro 2022-23, curso no que estarán en vigor de xeito simultáneo dúas leis educativas, a nova lei LOMLOE para cursos impares e a LOMCE para os cursos pares.

 

O profesorado dos centros educativos -a través da plataforma informática interna creada para tal fin- terá acceso ao currículo para a elaboración das programacións didácticas dos cursos impares, o que lles proporciona aos equipos directivos seguridade xurídica para ir conformando as súas estruturas de cara ao vindeiro curso mentres non se publiquen os currículos das distintas etapas. Cómpre lembrar que o retraso do Goberno Central na publicación da parte estatal dos currículos leva a que, tal como vimos advertindo desde hai meses, non estean publicados os textos definitivos antes do inicio de curso.

 

No que atinxe á planificación, en xeral o máis destacable é a redistribución de datas de probas e períodos de matrícula que vén derivada da xa coñecida eliminación das probas  extraordinarias de setembro na nova lei educativa. Deste xeito os equipos directivos pecharán xa en xullo toda a organización e distribución de cada curso.

 
Sistema centralizado de matrícula para FP de grao Básico

No que atinxe á Formación Profesional a novidade máis salientable é respecto do grao Básico, onde a partir de agora se poñe en marcha un sistema centralizado de matrícula que favorece ás familias e ao alumnado que opta por esta modalidade.

 

Así pois, no caso dos estudantes que decidan optar pola FP de grao Básico, serán os propios centros de orixe (onde cursan Secundaria) os encargados de -a través dunha aplicación informática creada para tal efecto- realizar a tramitación da documentación e as solicitudes de praza no ciclo formativo que lles interese.

 

Este novo procedemento simplifica os trámites por parte das familias ao tempo que axiliza tamén os pasos a seguir por parte da administración educativa, xa que, ata o de agora, eran as familias as que debían acudir ao centro para recoller a documentación e levala presencialmente ao centro no que desexaban cursar o ciclo de grao Básico.

 
Adianto de matrícula nas Escolas Oficiais de Idiomas

No caso das Ensinanzas de Réxime Especial cómpre destacar que, derivado da eliminación das probas de setembro na nova lei educativa, adiántanse aos meses de xuño e xullo o proceso de matrícula que ata o de agora se desenvolvía en setembro.

 

Así, os alumnos que desexen entrar por primeira vez nunha Escola Oficial de Idiomas o vindeiro curso 2022-23 deberán realizar unha preinscrición entre o 27 de xuño ao 10 de xullo.

 

No que atinxe ao período de matrícula, o alumnado que aprobe na convocatoria ordinaria deberá formalizala entre o 20 e o 30 de xuño; para o alumnado que aprobe no período extraordinario será do 1 ao 7 de xullo; e para o resto do alumnado (incluído o que entra por primeira vez tras realizar a preinscrición) será do 1 ao 20 de xullo.

 

Ademais, as probas extraordinarias de setembro pasan a xuño e, neste curso, celebraranse a partir do 20 de xuño.

 
Calendario escolar

Doutra banda sinalar, ademais, que o xoves día 2 publicarase no Diario Oficial de Galicia o calendario escolar para o curso 2022-23, que non contén novidades respecto á proposta elevada á mesa sectorial docente semanas atrás.

 

Así pois, o curso escolar comezará o día 8 de setembro para todas as etapas educativas, incluídas as de Secundaria, Bacharelato e Ensinanzas de Réxime Especial (ensinanzas idiomas, de música e danza, de artes plásticas e deseño, de música e danza, de conservación e restauración de bens culturais e de arte dramática).

 

Deste xeito unifícase o calendario escolar, que ata o momento incluía diferentes datas para Infantil e Primaria das do resto de etapas e ensinanzas, e facilítase a conciliación da vida laboral e familiar.

Imaxes relacionadas