O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e os reitores das universidades de Santiago e da Coruña participan na recepción aos traballadores deste novo centro

Román Rodríguez destaca o papel do novo Centro de Investigación das Paisaxes Atlánticas Culturais para situar a Galicia á vangarda dos estudos do patrimonio

Ubicado no edificio Fontán da Cidade da Cultura, vén de crearse con 73 investigadores das tres universidades galegas e do Consejo Superior de Investigacións Científicas

É o primeiro centro universitario de investigación de España vinculado ás ciencias sociais e ás humanidades que afondará sobre as paisaxes culturais desde ámbitos como a xeografía, historia, socioloxía, arqueoloxía ou arquitectura, entre outras

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, referiuse ao salto cualitativo que supón para o Sistema Universitario Galego a posta en marcha do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais que, como indicou, situará a Galicia á vangarda dos estudos do patrimonio. Así o manifestou durante a presentación e recepción dos 73 investigadores que xa están a traballar neste centro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, nun acto no que tamén se contou coa participación dos reitores das universidades de Santiago e A Coruña, Antonio López e Julio Abalde.

O titular de Educación da Xunta sinalou que se trata dun centro “necesario e estratéxico” para “contribuír desde as ciencias sociais e humanísticas e desde o tecido universitario galego a buscar respostas e ao desenvolvemento de Galicia”. Neste sentido, indicou que as áreas de coñecemento como a xeografía, a historia, a socioloxía, a arte ou o patrimonio cultural non só seguen sendo necesarias senón que deben “aproveitar e botar man do resto de avances sociais e tecnolóxicos para experimentar un salto de calidade que lles permita ser aínda máis útiles á sociedade, como farán desde este centro”.

Agradeceu o traballo das tres universidades galegas pola súa colaboración, implicación e complicidade á hora de botar a andar este novo proxecto. Tamén se referiu ao seu director, Lourenzo Fernández Prieto, e a directora adxunta Laura Oso, así como aos máis de 70 investigadores que traballan nel, todos eles, dixo, “persoas altamente cualificadas”, chegadas de máis de 35 grupos de investigación das tres universidades públicas galegas. “Son diferentes traxectorias vitais e profesionais, algúns cunha experiencia moi consolidada no eido investigador e outros que representan o enorme potencial e talento novel do noso tecido investigador”, engadiu.

Román Rodríguez resaltou, ademais, a importancia de que este centro se sitúe no Edificio Fontán, “un espazo concibido para fortalecer o sistema universitario público dun xeito global”. Neste sentido, referiuse á presenza alí de institucións centradas na colaboración interuniversitaria como a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego ou o Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia, así como o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (Incipit). “Este ecosistema favorecerá o intercambio de experiencias e coñecemento e reforzará o noso sistema universitario”, sinalou.

Varias áreas de traballo

O novo centro investigará sobre as paisaxes desde unha perspectiva interdisciplinar. En total incorpóranse ao centro 73 investigadores dos que 72 pertencen ao Sistema Universitario Galego (47 da Universidade de Santiago, 17 da Universidade da Coruña e 8 da Universidade de Vigo) e outro ao Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Máis de 50 son investigadores sénior ou consolidados, mentres que unha vintena son talento novel.

Trabállase nunha vintena de áreas de coñecemento nos ámbitos das ciencias sociais, humanidades, ciencias da natureza e tamén no eido da xeografía física e da paisaxe, a socioloxía e os movementos humanos, a historia contemporánea, a economía aplicada, a arquitectura e a ordenación do territorio, o turismo, a ecoloxía, a prehistoria, a arqueoloxía ou a xeoarqueoloxía, entre outras disciplinas.

Imaxes relacionadas