A Xunta apoia a presenza e a promoción dos produtos do agro e do mar de Galicia na feira Salimat de Silleda

Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, inclúe baixo o seu paraugas un total de 34 empresas de subsectores como os queixos, os xeados, os viños, as conservas ou a repostería

A Consellería do Mar participa no evento cun posto de 160 metros cadrados de superficie e dá amparo a sete empresas e entidades do sector do mar de Galicia, ás que se suman outras que participan na feira pola súa conta

 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022 Un total de 34 empresas do ámbito agroalimentario da nosa comunidade autónoma terán presenza baixo o paraugas da Xunta na feira Salimat Abanca, que se celebrará desde este xoves ata o vindeiro domingo no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda. A elas engádense outras sete empresas e entidades do sector do mar que participarán no evento tamén ao amparo do Executivo galego.

Estas entidades do sector agroalimentario estarán presentes ao abeiro da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que lles ofrece unhas condicións moi vantaxosas para contar cun espazo modular no que expoñer os seus produtos. Eses espazos, de 6 m² cada un, están identificados con Galicia e poderán ir personalizados coa súa imaxe corporativa.

As empresas agroalimentarias son de diferentes subsectores produtivos, tales como os queixos, os xeados, os viños, as conservas ou a repostería, e a maioría delas están acollidas a un indicativo de calidade.

Como novidade nesta edición, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria vai ter un completo programa de actividades durante os catro días da feira, no que se van amosar os produtos galegos con indicativo de calidade nunha aula de cata propia. Nela, estas referencias vanse maridar en distintas degustacións para os profesionais e para o público en xeral, que terán ademais a oportunidade de coñecelas máis en profundidade a través dos relatores que participarán nas actividades.

O espazo dedicado ás producións do agro está preto do ámbito dos produtos do mar, así como tamén do destinado ás cooperativas, formando así unha atractiva zona para os visitantes da feira.

Mentres, a Consellería do Mar participa no evento cun posto que conta cunha superficie de 160 metros cadrados e que inclúe unha aula de catas e degustacións na que se celebrarán distintos obradoiros para dar a coñecer os produtos do mar de Galicia. Entre o xoves e o domingo está prevista a celebración de máis dunha ducia de catas e degustacións con elaboracións a base de conservas, produtos certificados coa marca pescadeRías, pescada do pincho de Burela, mexillón, troita ou rodaballo, entre outros.

Ás sete empresas e entidades do sector que participan ao abeiro do stand da Consellería do Mar, que tamén teñen previstas actividades de promoción dos seus produtos, engádense as que asisten pola súa conta para facer negocios e mostrar aos asistentes as últimas novidades e liñas de traballo.

O evento

A feira Salimat Abanca é un escaparate para os produtos artesáns, gourmet, ecolóxicos, innovadores e de calidade certificada. Este evento permite ás empresas testar as súas propostas e participar nunha ampla programación para poñer en común e divulgar as tendencias alimentarias a través de bloggers, da área de produtos innovadores, catas, showcookings e talleres, entre outros.