A Xunta colabora coa gala dos premios de teatro María Casares na que a lembranza da actriz no seu centenario será o eixo temático

O director de Industrias Culturais participa na presentación da cerimonia, que terá lugar este xoves no Teatro Rosalía Castro da Coruña baixo a organización da Asociación de Actores e Actrices de Galicia

Son finalistas 14 espectáculos, entre os que se atopan as producións do Centro Dramático Galego ‘Terceiro acto’, ‘O charco de Ulises’ e ‘Serba me, serbavo te’

Carlos Álvarez-Ossorio dirixe o evento, no que Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut poranlle voz ás palabras da propia María Casares
 

A Coruña, 31 de maio de 2022

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle este xoves día 2 de xuño a gala de entrega dos XXVI Premios de Teatro María Casares, que terán como fío condutor a lembranza da actriz que lles dá nome co gallo da conmemoración do centenario do seu nacemento na capital coruñesa. Así o adiantou hoxe a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que volve contar coa contribución económica da Xunta de Galicia para a convocatoria dos seus galardóns, que poñen en valor o traballo dos profesionais do teatro galego ao longo do pasado ano.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou este mediodía na presentación do evento xunto cos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras. Na súa intervención, sinalou que a Xunta intensifica este ano a súa achega económica ao convenio coa AAAG para o desenvolvemento tanto da gala, que recupera o formato e a capacidade anteriores á pandemia, como das súas actividades paralelas.

 

Apoio económico a 12 dos espectáculos finalistas

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou os profesionais artífices dos 14 espectáculos finalistas este ano. Amosou, así mesmo, a súa satisfacción polo feito de que 12 destas montaxes fosen levadas a escena coa implicación económica da Xunta, ben como producións propias do Centro Dramático Galego (Terceiro acto, O charco de Ulises e Serva me, servabo te) ou coproducións (A lúa vai encuberta, xunto a Incendiaria e A Quinta do Cuadrante), ben a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica: Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea; Othello, de Voadora; Comando Comadres, de Matrioshka Teatro; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro; A cazola de Lola, de Tanxarina; Soga e cinsa, de Aporía Escénica, e Cubo, de Elefante Elegante.

 

A relación de candidaturas complétase coas de Quixote, de Pedras de Cartón, e Hugo, de Os Náufragos Teatro, de xeito que son 14 as propostas que competirán nas 14 categorías convocadas este ano. Ademais, durante a gala homenaxearase o autor, director e actor Lino Braxe, a quen se lle concedeu o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo.

 

Carlos Álvarez-Ossorio dirixe nesta ocasión a gala de entrega dos premios, na que as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Marta Pérez, Rosa Puga Davila, Mónica de Nut e Sheyla Fariña poranlle voz ás palabras da propia María Casares, mentres que o grupo Proxecto X será o encargado da música en directo.

 

Ao longo da cerimonia irase retratando a traxectoria de Casares a través de catro etapas vitais (a infancia, o exilio, a guerra e o teatro como patria), en lembranza da mítica actriz da escena francesa, quen en 1996 lle cedeu o seu nome á Asociación de Actores e Actrices de Galicia para a celebración dos seus premios anuais.

 

Programación conmemorativa

Tal e como sinalou Sutil, con esta ollada especial cara á figura de María Casares, a gala incorpórase tamén á serie de actividades conmemorativas do seu centenario, que a Xunta promove en colaboración con diferentes entidades. Trátase dun amplo programa, que se está a desenvolver durante todo o ano, tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes.

 

“Algunhas delas podémolas gozar estes días, como son a exposición itinerante 100% María Casares. O teatro é o refuxio, a mostra da Cidade da Cultura de Galicia María Casares-Pedro Soler. Colliure 1989, o ciclo de conferencias que acolle o Museo de Belas Artes da Coruña ou, mesmamente, outro dos proxectos que compartimos coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo: os documentos videográficos María Casares: voces para un centenario”, concluíu.

Imaxes relacionadas