A Xunta adxudica por máis de 705.000 euros as obras de ampliación da rede de saneamento municipal de Coirós

Executaranse 16 novos tramos de colectores e unha estación de bombeo para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes

As obras enmárcanse no convenio entre a Xunta, que financia o 80% das obras e as executa, e o Concello, que achega o 20% e asume a conservación das actuacións

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.

A Consellería de Infraaestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por un investimento de 706.776 € as obras de ampliación da rede de saneamento municipal do Concello de Coirós.

 

A actuación, adxudicada á empresa Prace Servicios y Obras S.A. cun prazo de execución de 8 meses, ten como obxectivo levar a cabo as actuacións necesarias para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes.

 

As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, que asume o 80% do investimento e executa as obras, e o Concello de Coirós, que contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a conservación das actuacións.

 

As intervencións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á covid-19.

 
As obras a executar

Na actualidade existe unha rede de saneamento en Agra-Figueiras, Colantres e Queirís que non cubre a totalidade dos núcleos, limitándose, esencialmente, á marxe esquerda da estrada N-VI en sentido A Coruña. Ademais, conta con estacións de depuración de augas residuais nos núcleos de Colantres e de Queirís, onde se conectarán os novos colectores deses núcleos; así como cunha terceira depuradora de augas residuais no núcleo de Merille á cal se conectará a rede de saneamento de Agra-Figueiras.

 

Os traballos contratados céntrase na ampliación da rede de saneamento en Coirós, para o que se executarán 16 novos tramos de colectores, con diámetro 250 mm.

Tamén se inclúe a construción dunha estación de bombeo para recoller e impulsar as augas residuais urbanas de Agra-Figueiras.

 

Con estas obras darase servizo a unha poboación total futura de 509 habitantes no horizonte de 2043.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.