No Día Mundial sen Tabaco, que este ano se desenvolve baixo o lema ‘O tabaco, unha ameaza para o noso medio ambiente’

Gabriel Alén fixo un chamamento aos escolares e á toda mocidade da provincia para colaborar na loita contra o tabaquismo

O delegado territorial subliñou as actuacións de prevención, promoción o tratamento do tabaquismo, realizadas pola Xunta de Galicia dentro do Programa galego de vida sen tabaco

O representante do Goberno galego significou unha das actividades específicas de prevención do tabaquismo no ámbito escolar, como é o concurso ‘Clases sen Fume’ que este año convocou a súa XX edición, na que participaron 522 alumnos de 12 centros

Gabriel Alén fixo entrega dunha árbore autóctona aos alumnos de 1º da ESO do IES O Couto

Ourense, 31 de maio de 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe no IES O Couto da cidade das Burgas nun acto organizado co motivo do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra cada 31 de maio, convocado pola OMS co obxectivo de sensibilizar á poboación fronte ao tabaquismo, non só como principal factor de risco en moitas enfermidades crónicas e claramente evitable, senón tamén sobre o impacto ambiental da industria tabacalera. O lema escollido para este ano é “O tabaco, unha ameaza para o noso medio ambiente”.

Acompañado do xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, e da xefa territorial de Sanidade, Laura López, o delegado fixo un chamamento aos escolares e á toda mocidade da provincia para colaborar na loita contra o tabaquismo e tomar conciencia dos seus efectos nocivos para a saúde e o medio ambiente.

Trala entrega dunha árbore autóctona aos alumnos de 1º da ESO do IES O Couto, Gabriel Alén fixo referencia aos datos reflectidos no último informe ESTUDES 2021 que confirman que é aos 14,1 años a idade media na que se produce o primeiro consumo de tabaco, tanto en mozos como en mozas, e que o 30,7% da xente nova recoñece o dito consumo, sendo un 9,0 % da mocidade a que realiza un consumo diario de tabaco.

O delegado territorial indicou que estes datos, xustifican a continuidade das actuacións de prevención, promoción o tratamento do tabaquismo, realizadas pola Xunta de Galicia dentro do Programa galego de vida sen tabaco.

Unha das actividades específicas de prevención do tabaquismo no ámbito escolar, é o concurso “Clases sen Fume” que este año convocou a súa XX edición, na que participaron 522 alumnos de 12 centros: o Sagrado Corazón de Celanova, CPR Divina Pastora de Ourense, CPR Luis Vives de Ourense, CPR María Auxiliadora de Ourense, CPR Padre Feijóo Zorelle de Ourense, IES O Couto de Ourense, Seminario Menor A Inmaculada de Ourense, CPR Pablo VI, de A Rúa, CPR Apostólico Mercedario de Verín, CPR María Inmaculada de Verín, IES Carlos Casares de Viana do Bolo e o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia.


Dúas aulas destes centro educativos da provincia de Ourense foron preseleccionadas para os premios que se entregarán proximamente en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas