A Xunta avanza no desenvolvemento da estratexia naval para dar resposta aos retos de futuro do sector en Ferrol

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da industria naval de Ferrolterra

Avogou pola cooperación entre estaleiros, o fomento da dixitalización e a innovación e a definición de proxectos tractores cos que optar aos fondos europeos Next Generation

Ferrol, 31 de maio de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá en Ferrol un encontro co sector naval da comarca para avanzar no desenvolvemento da Estratexia Naval e co obxectivo de que esta folla de ruta dea resposta aos retos de futuro desta industria clave para a zona.

 

Tal e como explicou Conde, a estratexia centrarase no apoio ao financiamento para cubrir a falta de medidas e apoios a nivel estatal; na estimulación da demanda a través da diversificación, como é o caso da eólica mariña; e no impulso dunha contorna favorable para o desenvolvemento de novos proxectos.

 

O vicepresidente económico asegurou que para conseguilo, ademais da estratexia, é fundamental o Pacto de Estado por Ferrol, no que se recolle un mapa de investimentos consensuado co resto de administracións -agás o Goberno de España- e axentes económicos. Neste Pacto, o naval ocupa un lugar preferente.

 

Conde tamén explicou que a estratexia busca a cooperación entre estaleiros, aproveitar o ecosistema científico-tecnolóxico e o desenvolvemento de proxectos tractores. Neste sentido, poder participar no Perte do naval pode supoñer facer de Ferrol e Navantia un polo de desenvolvemento da eólica mariña en España. Conde insistiu en que para que sexa unha oportunidade é necesario saber os criterios, as condicións para participar e os prazos pero lamentou que, actualmente, non se coñecen as bases reguladoras da convocatoria do Perte.

 

O naval é unha industria estratéxica para a economía galega que suma máis de 290 empresas, 26.000 postos de traballo e ingresos de 2100 millóns de euros, o 3,5% do PIB. Conde avogou por aproveitar as oportunidades que se van xerar neste sector apostando pola dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, o talento e a formación. Ademais, reiterou que a Xunta de Galicia seguirá insistindo para poder participar no Consello de Administración de Navantia.

Imaxes relacionadas