O conselleiro do Medio Rural presidiu o Consello Forestal, que avaliou este documento como paso previo á súa aprobación polo Goberno galego, prevista para esta semana

A Xunta crea o sistema estrutural de mando operativo dentro do Pladiga 2022 para mellorar a organización, a coordinación e a eficacia do dispositivo anti incendios

José González destacou que dende a súa creación, o pasado ano, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) realizou xa un total de 242 dilixencias relacionadas, entre outras cuestións, coa posta a disposición xudicial de incendiarios

O Consello Forestal coñeceu tamén o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, que prevé ata o 2040 recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 novas para a produción de madeira e de froito

Boqueixón (A Coruña), 31 de marzo de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) a reunión do Consello Forestal, que avaliou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2022 e coñeceu os detalles do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.

 

O titular de Medio Rural explicou que a presentación do Pladiga ao Consello Forestal é un paso previo á súa aprobación polo Consello da Xunta, que se prevé para esta mesma semana. O principal obxectivo desta planificación, salientou González, é reducir ao máximo posible, tendo en conta os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos lumes forestais.

 

Baixo esta premisa xeral, o Pladiga 2022 incorpora unha serie de novidades, entre as que o conselleiro destacou a creación do Sistema Estrutural de Mando Operativo, para afondar na mellora da organización, da coordinación e da eficacia do dispositivo. Este sistema permitirá, entre outras vantaxes, liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción en cada incendio e sectorizar, se é preciso, os lumes, para xestionar mellor os recursos de extinción.

 

Outra clave do Pladiga deste ano, segundo trasladou González, pasa por reforzar e impulsar o labor da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO). Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o feito de que, dende a creación desta unidade, na campaña pasada, xa realizou un total de 242 dilixencias de investigación de diverso tipo. Dilixencias relacionadas, entre outras cuestións, coa posta a disposición xudicial de causantes de incendios.

 

Ademais, José González indicou que se continúa mellorando o parque de motobombas do Servizo de Prevención de incendios coa renovación, este ano, de 13 destes vehículos. Así mesmo, séguese actualizando o listado de parroquias de alta actividade incendiaria, algo que permite continuar avanzando na planificación das actuacións preventivas. Este ano o número destas parroquias volverá a ser de 35, repiten 31 respecto do listado do ano pasado, entran catro parroquias novas e saen outras tantas.

 

A maiores, a modo de resumo do dispositivo contra incendios, o conselleiro lembrou que se fai un “importantísimo esforzo humano e material”, cun operativo que un ano máis estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. En canto aos medios, González sinalou que se mobilizarán ata 30 medios aéreos, aportados tanto pola Xunta como polo Estado, así como preto de 380 motobombas.

 
Programa estratéxico do castiñeiro

O conselleiro do Medio Rural informou ademais de que nesta xuntanza do Consello Forestal tamén se trouxo, por parte da Xunta, o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, analizado polo Consello do Goberno galego na súa reunión da pasada semana. Segundo dixo González, trátase dun programa impulsado polo seu departamento para dar cumprimento aos obxectivos da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” de recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 ha novas para a produción de madeira e de froito desta especie.

 

Engadiu, nesta liña, que se vén de programar o primeiro período de execución, ata 2025, cun orzamento de preto de 22 millóns de euros -incluíndo fondos públicos e privados- que permitirán a plantación de 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e doutras 2.000 para a produción de madeira, así como a restauración de 2.000 hectáreas de soutos. Delas, matizou, entre este ano e o que vén se conta con chegar xa as 1.100 hectáreas de plantación e ás 500 ha de recuperación.

 

En total, ao abeiro deste programa -explicou o conselleiro- impulsaranse 36 actuacións integradas en cinco eixes de intervención. Estarán centrados na planificación e seguimento da produción, na transferencia de información dende as entidades investigadoras e apoio ao sector viveirístico para garantir a subministración de planta, no fomento de recursos e aproveitamentos, no impulso á comercialización e á calidade da castaña e na mellora da competitividade das empresas.

 

Con todas estas medidas, aseverou González, “queremos involucrar a todos os axentes implicados no sector, con vistas a acadar a máxima xeración de valor engadido vinculado ao cultivo do castiñeiro”. Así, trataríase non só da Administración, senón tamén dos axentes económicos e sociais comarcais, dos grupos de desenvolvemento rural, dos viveiros, dos produtores forestais e dos representantes do tecido empresarial transformador e comercializador.

 

A maiores, o titular de Medio Rural destacou que este programa obedece ás recomendacións do ditame da Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, constituída no Parlamento tras os lumes de 2017. Por último, González anunciou que proximamente este proxecto se verá complementado coa normativa que regulará as agrupacións de xestión conxunta, figura contemplada na Lei de recuperación da terra agraria e no Plan Forestal para darlle un pulo ao castiñeiro, entre outras especies.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural