O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presenta a nova edición desta cita cultural

A Xunta celebra no Gaiás o maior evento ao redor da pandeireta cun milleiro de intérpretes na III edición do encontro galego de cultura popular ‘Serán03’

Regresa novamente baixo a dirección artística de Henrique Peón e cunha edición centrada nun dos instrumentos máis icónicos da nosa música e baile tradicional

O conselleiro de Cultura destaca que o Serán “amosará toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, nunha celebración da nosa cultura e para achegar a todo tipo de público as nosas artes e patrimonio inmaterial”

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2022.- A Cidade da Cultura acollerá do 10 ao 12 de xuño o Serán’03, no que se darán cita ao redor dun milleiro de artistas e intérpretes de música e baile tradicional no maior evento organizado ao redor da pandeireta. Así, nesta terceira edición do Encontro Galego de Cultura Popular as pandeireteiras serán as grandes protagonistas de tres xornadas cun intenso programa –completamente gratuíto– de concertos, espectáculos, festivais, masterclasses profesionais, un desfile de traxe tradicional, unha feira sectorial ou conferencias, e no que tampouco faltarán obradoiros e espectáculos para público familiar.

 

O programa do Serán’03 foi presentado hoxe no Museo Centro Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que destacou que este encontro “amosa toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto afeccionado como profesional, erguéndose non só como lugar de encontro para o sector, senón nunha verdadeira celebración da nosa cultura popular e un escaparate para achegar a todo tipo de público as nosas artes e patrimonio inmaterial”.

 

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia lembrou que “máis de 40.000 persoas forman parte dalgunha agrupación folclórica en Galicia, o que reflicte a vitalidade da música tradicional na nosa Comunidade”. Neste senso, subliñou que máis de 10.000 persoas pasaron polas dúas primeiras edicións do Serán, centradas no baile tradicional e nas bandas de música populares.

 

O acto de presentación contou coa participación do director artístico do encontro, o coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Henrique Peón; a cantante do grupo IALMA e cofundadora e integrante da directiva do Centro de Música do Mundo Muziekpublique en Bruxelas, Marisol Palomo, e as pandeireteiras Ángela Varela e Begoña David, da agrupación Cantigas e Agarimos. Ademais, asistiron o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

 

A pandeireta, protagonista

O director artístico do encontro explicou que a temática central deste Serán’03 será a pandeireta, “que é xunto coa gaita o instrumento máis icónico do noso folclore tradicional” e sinalou que esta terceira edición do evento busca renderlle homenaxe a todas as mulleres pandeireteiras “gardiás da historia e tradición da nosa música, que interpretaron este instrumento ao longo dos séculos e nos legaron ata un xeito de tocar único en toda a Península Ibérica”. Peón quixo lembrar tamén o papel clave que xogaron as agrupacións folclóricas desde a aparición das pandeireteiras de Mens dos anos 70 para “a reconstrución musical e estética deste instrumento, ata chegar ao momento actual no que xa é imposible entender a música galega sen a figura das pandeireteiras”.

 

Completo programa musical

O Serán’03 prevé un intenso programa coa participación dun milleiro de artistas e intérpretes, tanto afeccionados como profesionais, que inclúen destacados nomes da nosa música como Faltriqueira, Davide Salvado, Fransy González ou Óscar Ibáñez, e algúns dos principais grupos folclóricos de Galicia como Donaire, Rebulir, Trébede, Ultreia, Etnográfico das Mariñas, Xacarandaina, Cantigas e Agarimos ou Alxibeira.

 

Aos xa tradicionais festival folclórico e foliadón que encherán o Gaiás de música e baile nas noites do venres 10 e o sábado 11 de xuño, súmase como novidade desta edición o Festival Portas do Camiño, que reunirá cinco grupos de pandeireteiras de diferentes lugares da Península, co nexo común das Rutas Xacobeas: Xeitu, de Asturias; Seronda, de León; Denise e Bea, do Bierzo; Adufeiras de Monsanto, de Portugal, e Pandereras de Salamanca, con repertorio de Peñaparda.

 

Contidos formativos

Outro dos pratos fortes deste encontro serán os contidos formativos dirixidos a profesionais da música e o baile tradicional, con oito masterclasses de percusión, pandeireta e técnica vocal impartidas polo profesorado máis destacado do momento, e un espazo de reflexión, cunha mesa redonda e dúas conferencias a cargo da etnomusicóloga Beatriz Busto e o presidente da delegación española do Consello Internacional de Organización de Festivais do Folclore e as Artes Tradicionais, Rafael Cantero.

 

Non faltará tampouco a programación para gozar en familia, cun obradoiro de estampaxe sobre tea e un concerto de Cé Orquestra Pantasma. Por último, un desfile de traxe tradicional a cargo da Asociación Etnográfica Sete Espadelas e un concerto dos coros centenarios de Cantigas de Agarimos e Cántigas da Terra serán os pratos fortes da última xornada desta terceira edición do Serán.

 

Todo o encontro é con entrada libre e de balde, coa excepción dos contidos con prazas limitadas, como as masterclasses e obradoiros, para os que pode realizarse xa a reserva previa de praza na web da Cidade da Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas