A Xunta participa nos actos en conmemoración do Día Mundial da Esclerose Múltiple organizados por AEDEM-COCEMFE

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu esta tarde por videoconferencia á inauguración da campaña Caminemos juntos por la esclerosis múltiple organizada por AEDEM-COCEMFE en conmemoración do Día Mundial desta enfermidade e na que a Xunta colabora cun investimento de 6000 euros.

 

Durante o evento destacou a importancia de darlle visibilidade a esta doenza para que toda a sociedade colabore en ofrecerlle ás persoas con esclerose unha mellor calidade de vida. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego ofrece atención a todas as persoas que precisen de coidados especializados a través de servizos adaptados ás súas necesidades.

 

Entre as actividades que contempla esta campaña atópase a realización de distintas etapas do Camiño de Santiago, de xeito real ou simbólico. As actividades inícianse hoxe en Madrid e rematarán en outono na capital galega como punto de chegada e final do camiño. 

Imaxes relacionadas