O número de bolseiros das axudas da Xunta para Erasmus+ recupera os niveis prepandemia

Concédense 1.121 axudas nunha convocatoria que duplica o seu investimento

Trátase de bolsas complementarias ás concedidas pola Unión europea e oscilan entre os 467 e os 2.255€, en función do destino e a duración da estadía

A Consellería de Educación consigna un total de 1,6M€ para este curso
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022 Un total de 1.121 alumnos do Sistema Universitario de Galicia (SUG) benefícianse este curso das axudas da Xunta de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco de Erasmus+. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina este ano máis de 1,6M€ a esta convocatoria, cuxo número de alumnos participantes retoma os niveis prepandemia. Isto supón practicamente duplicar o orzamento con respecto á anterior convocatoria (que foi de 891.000€), dando a oportunidade de acceder a estas bolsas a todos os alumnos galegos que gozan das axudas comunitarias.

Estas axudas enmárcanse dentro das iniciativas do Goberno galego a prol dun sistema educativo de calidade e con igualdade de oportunidades independentemente dos recursos económicos das familias. Así, a Consellería de Educación apoia aos estudantes para que poidan completar os seus estudos universitarios fóra do territorio español; e favorece un ano máis a mobilidade estudantil, no sentido de adquirir, actualizar, completar e ampliar as súas capacidades, coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Contía e países máis demandados

As axudas súmanse ás europeas e a súa contía pode ser de 125 euros/mes, 165 euros/mes ou 195 euros/mes, en función dos países de destino e da duración das estadías, entre tres e nove meses. Unha vez distribuída a contía estipulada en base a estes parámetros, asignouse a cantidade adicional de 500€ aos 676 alumnos que cumprían o requisito de ter unha nota media igual ou superior a 7 puntos. Desta forma, as axudas concedidas oscilan entre os 467 e os 2.255€, cunha contía medía de 1.430€.

Do total dos beneficiarios, 447 son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, 420 da de Vigo e 254 da da Coruña. Por países, o máis solicitado é Polonia (252 bolseiros), seguido de Italia (235), Portugal (99), Romanía (75), Francia (67), República Checa (56) e Alemaña (49). Tamén se concederon axudas a estudantes con estadías en Eslovaquia (26), Bélxica (24), Turquía (24), Lituania (23), Eslovenia (21), Grecia (20), Hungría (18), Reino Unido (18), Irlanda (16), Noruega (16), Finlandia (15), Bulgaria (11), Suecia (10), Austria (10), Croacia (10), Países Baixos (5), Chipre (4), Letonia (4), Estonia (3), República de Macedonia do Norte (1) e Dinamarca (1).

Ademais, oito alumnos realizan a estadía en dous países distintos neste curso académico, combinando Alemaña e Francia, Eslovaquia e Polonia, Irlanda e Eslovaquia, Eslovaquia e Francia, Irlanda e Alemaña, Francia e Polonia (en dous casos) e Hungría e Francia.

Imaxes relacionadas