O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas ás axencias de viaxe por importe de 650.000 euros

As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta ata o vindeiro 30 de xuño

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás axencias de viaxe co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da súa actividade. Contan cun orzamento de 650.000 euros

 

Esta resolución ten como obxecto seguir prestando así apoio a un colectivo fundamental no conxunto das empresas de servizos turísticos, xa que as axencias de viaxe son instrumentos imprescindibles para a comercialización de Galicia como destino turístico, visibilizando toda a oferta turística a través do seu labor profesional.

 

Poderán ser beneficiarias das subvencións todas as axencias de viaxe, que teñan un centro de traballo na comunidade galega e estean inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

 

Considéranse gastos subvencionables todos aqueles comprendidos entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de outubro de 2022 como os gastos derivados da creación do produto e/ou comercialización do destino Galicia e gastos derivados da transformación dixital, cun importe máximo de subvención do 100 % do gasto subvencionable.

 

O prazo de presentación de solicitudes será ata o vindeiro 30 de xuño. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Imaxes relacionadas