A Xunta destaca o traballo do proxecto Vilas en flor a prol do embelecemento de Galicia e o seu importante potencial turístico

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, mantivo esta mañá unha reunión do traballo co director desta iniciativa, Pedro Calaza, na que lle trasladou o apoio do Goberno galego para o seu desenvolvemento e para favorecer a participación de máis municipios

O representante autonómico sinala que este programa “ten unha transversalidade fundamental para construír a Galicia que queremos, xa que aposta polos espazos verdes, a sostibilidade, a educación ambiental e a concienciación cidadá”

O certame, que adoita celebrarse a finais de ano co acto de entrega dos galardóns baixo a denominación de Flores de Honra, ten aberta a súa inscrición entre todos os municipios
 

Pontevedra, 30 de maio de 2022

A Xunta de Galicia vén de destacar o “enorme traballo” do proxecto Vilas en Flor a prol do embelecemento de Galicia e o seu importante potencial turístico para seguir dotando á nosa terra de espazos coidados e atractivos, segundo manifestou este mediodía o delegado territorial en Pontevedra, Luis López.

O representante autonómico mantivo unha reunión de traballo, no edificio administrativo de Campolongo, co director da escola de paisaxismo da Fundación Juana de Vega e tamén máximo responsable de Vilas en Flor, Pedro Calaza, e outros representantes deste programa, aos que lles trasladou o apoio do Goberno galego para o desenvolvemento e promoción de todas as súas actividades e para favorecer a participación de máis municipios.

Este proxecto, promovido pola Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor), a Asociación de Empresas de Xardinaría de Galicia (Agaexar) e a Fundación Juana de Vega, promove a posta en valor de espazos verdes a través da entrega duns premios anuais, denominados Flores de Honra, que adoitan entregarse a finais de ano nalgunha vila galega.

“O programa Vilas en Flor ten unha transversalidade e unha concepción fundamentais para seguir construíndo a Galicia que todos queremos, xa que aposta polo coidado e mellora dos espazos verdes con accións directas, pero tamén cunha xestión sostible dos nosos recursos e apostando pola educación ambiental e a concienciación cidadá co obxectivo de que se xere unha sensibilidade que perdure no tempo na nosa sociedade”, sinalou o delegado territorial.

Luis López, que agradeceu a Pedro Calaza o traballo que están a realizar no embelecemento de Galicia e na conformación dun novo produto e recurso turístico de gran valor engadido, quixo convidar a todos os concellos a implicarse nesta iniciativa e tomar parte no certame, que ten aberta a súa participación.

Imaxes relacionadas