Gabriel Alén destaca a variedade da oferta musical e cultural do Xacobeo ‘para que chegue a toda a cidadanía’

O delegado territorial subliñou que o Camiño de Santiago é sinónimo de turismo, de lecer, de cultura ou de natureza e estes concertos agrandarán o éxito seu internacional que nos últimos anos traspasou fronteiras e moveu a millóns de cidadáns de todo o mundo cara a Galicia

Gabriel Alén destacou que a programación de Concertos do Xacobeo inclúe 11 eventos musicais na provincia con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos

Actuarán artistas como, Víctor Manuel, Miguel Ríos, La Guardia, Danza invisible, Placebo, The James Hunter Six, Gustavo Santaolalla e, ademais da mellor música galega como As Tanxugueiras, Roi Casal e Xoel López
 

Ourense, 30 de maio de 2022 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá, acompañado do alcalde, Antonio Puga, na presentación do concerto de Miguel Rios & The Black Betty Trio que se celebrará o 18 de agosto ás 21,00 horas no Claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova. O prezo das entradas, que saen hoxe á venda en Ataquilla.com, será de 23 euros máis gastos de xestión da empresa distribuidora, e o aforo do mesmo terá un máximo de 700 persoas sentadas.

Este evento -sinalou Gabriel Alén- encadrado dentro da programación de Concertos do Xacobeo espallarán música e espectáculo por toda xeografía provincial con máis de 14 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos de Ourense para celebrar un Ano Santo extraordinario.

O delegado territorial subliñou que O Camiño de Santiago é sinónimo de turismo, de lecer, de cultura ou de natureza e estes concertos agrandarán o éxito seu internacional que nos últimos anos traspasou fronteiras e moveu a millóns de cidadáns de todo o mundo cara a Galicia.

Gabriel Alén explicou que a Xunta deseñou un espectáculo descentralizado que quere dar protagonismo ao carácter global dun evento internacional como é o Xacobeo que se espalla por todos os recunchos de Galicia. Así, perante sete meses, vilas e cidades de Ourense desfrutarán dunha oferta musical que terá un importante retorno económico nos lugares nos que se celebran os eventos musicais e que reforzará a sona internacional que o Ano Santo dá a Galicia.

O representante do Goberno galego destacou que a programación de Concertos do Xacobeo inclúe 11 eventos musicais na provincia con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos. Xa desenvolveu o concerto de The James Hunter Six e esta pasada fin de semana o Ouren Sound Fest; proximamente actuarán artistas como, Víctor Manuel, Miguel Ríos, La Guardia, Danza invisible, Placebo, The James Hunter Six, Gustavo Santaolalla e, ademais da mellor música galega como As Tanxugueiras, Roi Casal e Xoel López. A programación tamén contempla os festivais Silfest, El Musgo e o Festival de Música Alternativa e o Ciclo Xacobeo Importa, que se desenvolverá na Capital.

Os interesados poderán consultar a programación na páxina web concertosdoxacobeo.gal, que se irá actualizando periodicamente. Tamén poderán facelo nas distintas páxinas web e redes dos festivais e ciclos dos concertos previstos.

O delegado territorial remarcou na presentación do programa que o evento musical será “a memoria colectiva que deixará pegada entre todos os que participen nun Xacobeo histórico”. Gabriel Alén recordou que neste Ano Santo no que Galicia recupera a ilusión trala pandemia estase a rexistrar un récord de peregrinos aos que invitou a sumarse á oferta cultural, lúdica e musical programada para un evento de transcendencia universal. “Temos un cartel á altura do que Galicia merece, un cartel que espallaremos polos Camiños para recibir a turistas e peregrinos co afecto e a hospitalidade que sempre nos caracteriza”.

Imaxes relacionadas