O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, asinan un acordo para impulsar esta nova iniciativa

Xunta e Parlamento de Galicia crean ‘Comparte’, un novo proxecto que permitirá levar a colección de arte da Cámara a distintas cidades e vilas

Está previsto que se organicen mostras na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Madrid, ás que se poderán ir incorporando novas cidades

“O obxectivo é que as pezas cheguen a un maior número de cidadáns posible para compartir con todos eles este rico patrimonio artístico”, indica o conselleiro
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, asinaron hoxe un acordo de colaboración para crear Comparte, un novo proxecto co que se organizarán exposicións temporais e itinerantes coa colección de arte da Cámara en distintas cidades tanto de Galicia como fóra dela.

 

“Compartiremos cos galegos o rico patrimonio artístico que alberga o Parlamento, que atesoura pezas especialmente destacadas que merecen ser divulgadas e postas en valor máis aló do Pazo do Hórreo e facilitar a súa visita para que cheguen ao maior número de cidadáns posible”, indica o titular de Cultura.  

 

Así, ao abeiro deste acordo, Xunta e Parlamento porán en marcha distintas exposicións en cidades e vilas galegas, pero tamén noutros lugares fóra de Galicia. Do comisariado das exposicións do proxecto Comparte encargarase a Real Academia Galega de Belas Artes. As obras serán seleccionadas atendendo a criterios que de acordo á museoloxía, dos autores, das temáticas, dos espazos expositivos, abunden no coñecemento e na difusión dos valores artísticos e culturais de Galicia.

 

Coa intención de que as exposicións cheguen ao maior número de cidadáns, a Consellería de Cultura será a encargada de propoñer os espazos expositivos, que en Galicia serán  inicialmente as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo aínda que se traballa en incluír outras vilas a determinar de entre as de maior poboación e, fóra de Galicia, en Madrid, deixando aberta a posible realización de exposicións noutras cidades ou vilas onde exista unha presenza significativa de galegos ou onde o proxecto Comparte poida contribuír á proxección exterior de Galicia e do conxunto de artistas galegos contemporáneos.

 
Valiosa colección

O Parlamento de Galicia atesoura unha das máis valiosas e variadas coleccións públicas de arte galega contemporánea, que foi medrando nestes 40 anos ata superar as 300 pezas de pintura, escultura e tamén fotografia ou grabado.  É unha representación da arte galega e conta, entre outros autores, con pezas de Antón Lamazares, Francisco Leiro, Acisclo Manzano, Colmeiro, Laxeiro e Sucasas, entre outros moitos nomes da arte galega dos últimos anos. Está a dispor da sociedade, tanto a través das visitas guiadas como do programa de préstamos e intercambios con outras institucións e entidades.

Imaxes relacionadas