O titular do Goberno galego presentou, esta mañá, o proxecto de ampliación da rede de saneamento municipal de Padrón

Rueda salienta a importancia da Lei do ciclo integral da auga para axudar aos concellos a xestionar os seus servizos de xeito ordenado e planificado

“Queremos ofrecerlles aos concellos ser os seus aliados nesta materia para ofrecer unha solución global á xestión dos vertidos e á calidade das augas”, di

Precisa que os técnicos municipais contarán con programas de formación periódica e directrices que lles servirán de guía; e os concellos que o desexen poderán ceder a xestión das infraestruturas hidráulicas á Xunta

Felicita ao Concello de Padrón por situar as infraestruturas e os servizos hidráulicos como prioridade, cun proxecto no que ambas administracións investirán conxuntamente máis dun millón de euros e que permitirá dar servizo a seis núcleos

Padrón (A Coruña), 30 de maio de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da Lei do ciclo integral da auga, nestes momentos en tramitación parlamentaria, para axudar aos concellos a xestionar os seus servizos de xeito ordenado e planificado.

 

“Queremos ofrecerlles aos concellos ser os seus aliados nesta materia para ofrecer unha solución global á xestión dos vertidos e á calidade das augas”, dixo, incidindo en que esta norma ten como obxectivos prioritarios: axudar aos concellos nas súas responsabilidades e regular de xeito homoxéneo e igualitario o apoio técnico e económico da Xunta aos municipios, especialmente aos máis pequenos.

 

Así, con esta nova lei, porase a disposición dos concellos instrumentos para profesionalizar os servizos, de forma que os técnicos municipais contarán con programas de formación periódica e directrices que lles servirán de guía; e os concellos que o desexen, poderán ceder a xestión das infraestruturas hidráulicas á Xunta.  

 

Cómpre salientar tamén que, ademais das 28 depuradoras que xa xestiona a Administración autonómica, o que pretende a nova lei é asegurar o correcto funcionamento das infraestruturas hidráulicas municipais para evitar infiltracións de auga de chuvia ou fugas de ata o 80%, como ocorre nalgúns municipios.

 

Durante a presentación do proxecto de ampliación da rede de saneamento municipal de Padrón, na que tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor,  Rueda recordou que o Goberno galego leva investidos máis de 1.100 millóns de euros para dotar a Comunidade de infraestruturas para o abastecemento e a axeitada depuración.

 

Grazas a esta achega, Galicia conseguiu que o 76% das masas de auga das súas rías e ríos se atopen hoxe en bo estado; que o 90% das aglomeración urbanas cumpran a directiva europea sobre depuración; e reducir os vertidos contaminantes do 40% ao 15%.

 

Rueda aproveitou a súa intervención para felicitar ao Concello de Padrón por situar as infraestruturas e os servizos hidráulicos como prioridade. Non en van, o proxecto de ampliación da rede de saneamento presentado hoxe, no que ambas administracións investirán conxuntamente máis dun millón de euros, permitirá dar servizo a seis núcleos, coa execución, entre outros aspectos, de novos colectores e estacións de bombeo de augas residuais. A actuación, que se iniciará a principios de 2023 co obxectivo de rematala ese mesmo ano, será financiada no marco do eixo REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

 

Este municipio colabora tamén para reducir o risco de inundacións, onde as concas dos ríos Ulla e Sar están identificados como de especial risco ante as enchentes. Así, a Xunta xa está a traballar na redacción dos proxectos das obras que sumarán 3 millóns de euros para protexer á poboación ante ese risco.

Imaxes relacionadas