O Diario Oficial de Galicia publica tamén hoxe a aprobación da información pública das obras que completan a mellora do eixe de comunicación Ferrol-Ortigueira, que suporá un investimento superior aos 7,5 M€

A Xunta aproba o proxecto de construción da 2ª fase do acondicionamento da estrada AC-862, desde o Campo do Hospital ata a Ponte Mera, en Ortigueira

Actuarase en preto de 3 km desta vía autonómica para a mellora da seguridade viaria do tráfico rodado e dos demais usuarios da estrada, coa rectificación de 13 curvas de radio reducido, cunetas de seguridade e carrís lentos de adiantamento

Na intervención inclúese a disposición de barreiras nos bordos da vía e a instalación de dispositivos de protección a motocicletas nas zonas de radio reducido
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo da 2ª fase do mellora da capacidade e da seguridade da estrada AC-862, entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, en Ortigueira.

 

 

O Consello da Xunta autorizou a o pasado día 25 as expropiacións dos 212 predios necesarios para actuar en preto de 3 km da AC-862 e completar o acondicionamento desta vía autonómica ata Ortigueira, no tramo situado entre os puntos quilométricos 37+240 e 40+500, ao seu paso polos concellos de Ortigueira, Cerdido e Cedeira..

 

 

O investimento total da Xunta nestas obras, incluíndo o pagamento das expropiacións, supera os 7,5 M€.

 

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese consultar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3NHxBLw

 

 

Con esta actuación trátase de completar o acondicionamento da AC-862 como eixe de comunicación Ferrol-Ortigueira, dando continuidade ás obras que se están a executar da 1ª fase, no treito de 18 km entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, nas que a Xunta está a investir case 7,2 M€.

 

 

As actuacións previstas nesta 2ª fase teñen como obxectivo a mellora da seguridade viaria, tanto desde o punto de vista do tráfico rodado como dos demais usuarios da estrada.

O proxecto de execución das obras comprende a rectificación puntual de trece curvas de radio reducido, a rehabilitación do firme, a realización de cunetas de seguridade a modo de sobreancho practicable e a mellora xeral da vía coa ampliación da plataforma, dotando de carrís lentos treitos en pendente que permitan adiantamentos.

 

Na intervención inclúese a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura de recheos supere os 3 metros de altura e a instalación de dispositivos de protección a motocicletas naquelas zonas que sexan de radio reducido. Tamén se procederá á retirada de toda a barreira nos treitos onde se comparta a sección coa plataforma actual, dado que se amplían as beiravías, e renovarase a sinalización horizontal e vertical en todo o tramo da actuación.

 

No marco da intervención prevista executaranse tamén dúas obras de drenaxe transversal da estrada, nos puntos quilométricos 37+852 e 39+057, e o drenaxe lonxitudinal dos camiños de servizo.

 

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras correspondentes a esta segunda fase do acondicionamento da AC-862 e convocará os actos expropiatorios no 2º semestre do ano. As obras contan cun prazo de execución de 18 meses.