A Xunta aposta pola calidade dos viños galegos para apoiar a proxección exterior do sector vitivinícola

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da 5ª edición do Salón Profesional do Viño en Galicia (Fevino), dedicada nesta volta aos viños no Camiño de Santiago con motivo do Xacobeo

Calvo tamén destacou as sinerxías do mundo do viño co turismo e o potencial do enoturismo para o desenvolvemento económico das zonas vitivinícolas
 

Ferrol, 30 de maio de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da 5ª edición do Salón Profesional do Viño (Fevino), onde destacou a importancia de eventos coma este para amosar a calidade dos viños galegos e contribuír á súa posta en valor, promoción e proxección exterior.

No acto, ao que acudiu xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, incidiu tamén nas sinerxías do mundo do viño co turismo e, por tanto, o potencial do enoturismo como ferramenta de dinamización socioeconómica das zonas rurais e de produción vitivinícola axudando ademais a impulsar un turismo de calidade e sustentable para este territorios.

Ademais, resaltou a vinculación das cinco denominacións de orixe do viño en Galicia co Camiño de Santiago. De feito, esta edición de Fevino dedícase aos viños nas rutas xacobeas con motivo deste Ano Santo.

A Xunta está a implementar tamén -lembrou- a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia co obxectivo de conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable.

No edificio de Afundación no que se celebrou a inauguración, o salón acolle tamén un túnel onde se exporán e poderán degustar os viños, augardentes e licores premiados cos “acios” e os “potes” na pasada edición 2021 das Catas de Galicia. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos consellos reguladores, participa con esta proposta co obxectivo de enxalzar os viños, augardentes e licores tradicionais con selo de calidade. Tamén haberá unha cata destes viños impartida pola Master of wine Sarah Jane Evans.

Tras a inauguración de hoxe dedicada aos viños galegos atlánticos e unha xornada dedicada aos brancos lexítimos que terá lugar mañá en Betanzos, o Salón Profesional do Viño centrarase nas denominacións de orixe e indicacións xeográficas que percorren o Camiño Inglés, o Francés ou o Portugués, cunha exposición na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela durante os días 14 e 15 de xuño.

Na Cidade da Cultura, o Goberno galego habilitará outro espazo de túnel e cata para poñer en valor os viños, augardentes e licores tradicionais da comunidade, ofrecendo a posibilidade de degustalos acompañados doutros produtos con selo de calidade como queixos e meles.

Fevino 2022

O Salón Profesional do Viño reúne en cada edición a centos de profesionais e conta cunha ampla programación con formacións, catas de viños nacionais e internacionais e a presenza de figuras influíntes do mundo do viño. Ademais, coincidindo con esta edición especial, Fevino celebrará o seu consolidado galardón Guardiáns do Viño, premiando a figuras que promovan a viticultura galega.

Cabe reseñar que na última edición que se celebrara, a de 2019, o Salón reuniu 200 bodegas de toda España e máis de 5.000 visitantes profesionais do sector.

Imaxes relacionadas