O Sergas publica as puntuacións definitivas do primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos temporais como técnico de saúde de atención primaria

Neste procedemento resultaron admitidas 140 persoas

Do conxunto de inscricións soamente resultaron excluídas o 4,11 % das solicitudes de participación

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

O Diario Oficial de Galicia' title='https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220530/AnuncioG0003-190522-0002_gl.html">'>https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220530/AnuncioG0003-190522-0002_gl.html"> (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación definitiva de admitidos e os resultados definitivos de baremación correspondentes ao primeiro proceso de xeración de listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de técnico de saúde atención primaria.

Neste procedemento xeráronse un total de 140 inscricións, resultando excluídas só o 4,11 % das solicitudes de participación.

As listaxes atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. As devanditas listas entrarán en vigor, a efectos de chamamentos, o día 31 de maio.

A incorporación de persoal médico técnico de saúde xunto coa creación da categoría de facultativo especialista de atención primaria, recollidas ambas medidas na Lei 18/2021, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, teñen como obxectivo dar resposta axeitada ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade, nun contexto de crise sanitaria como o actual e de dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais de médicos de familia.

Como anticipación á publicación das listas baremadas que se efectúa no día de hoxe, desde o 21 de febreiro veñen prestando apoio aos médicos do primeiro nivel asistencial un total de 14 profesionais desta categoría. Para a súa selección seguiuse a orde de chamamento consensuada coas organizacións sindicais e que se recolle como anexo do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

Dentro das actividades que realizan estes técnicos están o seguimento dos pacientes covid positivos, a tramitación das altas e baixas das persoas asintomáticas e a atención telefónica para responder a demandas de información relacionadas co coronavirus.

Do mesmo xeito, tamén colaboran no seguimento dos pacientes positivos covid mediante a plataforma tecnolóxica Telea, informando dos resultados das súas probas covid, realizando o seguimento de pacientes en incapacidade temporal por outras continxencias comúns, renovando receitas para tratamentos crónicos e realizando informes médicos autorizados, entre outras tarefas.

Para iso dispoñen dun listado de traballo diario e dan soporte ao conxunto dos profesionais de atención primaria en determinados procedementos que teñan unha importante carga burocrática. A súa centralización permite que este recurso poida ser dirixido a aqueles cupos onde máis se necesite.

Outras medidas de reforzo do nivel de atención primaria

Na actualidade, ata o 31 de maio está aberto o prazo de inscrición no proceso selectivo, mediante concurso de méritos, -sen exame-, para o acceso a 106 prazas da categoría de facultativo especialista de atención primaria, recentemente creada. Está previsto que a finalización deste proceso coa incorporación dos profesionais seleccionados se efectúe logo do verán.

Así mesmo, convocaranse proximamente os procesos selectivos para a cobertura dun total de 192 prazas da categoría de médico de familia, das que 42 se cubriran polo procedemento de concurso de méritos, en desenvolvemento das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listaxes provisionais das clases de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria (lei 17/1989) e persoal estatutario das categorías de oficios, saúde laboral e informática.