A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou vía telemática este acordo que prorroga a xestión de Augas de Galicia das instalacións ata o 30 de maio de 2024

A Xunta asina co concello de Tomiño o convenio polo que Augas de Galicia continuará a xestionar a depuradora do municipio, destinando un investimento de máis de 400.000 €

A Xunta mantén o apoio á entidade local nas súas competencias para garantir o funcionamento da depuradora, tras destinar desde 2005 case 3,2 M€ á xestión desta planta de tratamento de augas residuais

O traballo da entidade hidráulica da Xunta permitirá seguir garantindo que as augas residuais do municipio reciben o tratamento axeitado

Os servizos de saneamento e de abastecemento son de responsabilidade municipal, pero a Xunta proporciona o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen, encargándose actualmente da xestión de 28 depuradoras

O Goberno galego impulsa a Lei do ciclo integral da auga, en trámite parlamentario e que se prevé entre en vigor en verán, poñendo á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos e un sistema voluntario para unha xestión de calidade
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en calidade de presidenta de Augas de Galicia, asinou vía telemática o convenio de colaboración co Concello de Tomiño polo que a Xunta de Galicia continuará a facerse cargo da xestión da depuradora de augas residuais do municipio.

A vixencia deste acordo de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Tomiño para a explotación da depuradora municipal esténdese ata o 30 de maio de 2024 e suporá un investimento da Xunta de máis de 400.000 €.

A entidade hidráulica da Xunta ten asumido o servizo de mantemento da planta de tratamento de augas residuais de Tomiño desde o ano 2005 mediante un contrato de xestión e explotación da depuradora na que leva investido ata o momento case 3,2 M€.

En virtude deste convenio, Augas de Galicia comprométese a continuar a levar a cabo a explotación das instalacións da depuradora de augas residuais de Tomiño nas condicións técnicas axeitadas á súa capacidade e deseño, e ás exixencias ambientais vixentes, realizando as actuacións oportunas para a súa axeitada conservación e mantemento.

Os servizo de saneamento e de abastecemento son de responsabilidade de carácter municipal. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

A explotación e mantemento das infraestruturas hidráulicas teñen como obxectivos garantir a correcta depuración das augas residuais e ofrecer uns servizos que respondan ás necesidades reais da poboación.

Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 28 estaciones depuradoras de augas residuais.

O Goberno galego impulsou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, agora mesmo en trámite parlamentario e que se prevé que entre en vigor en verán. A través desta lei, a Xunta porá á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga.