A Xunta alleou 19 lotes de madeira por preto de 640.000 euros na última poxa pública electrónica celebrada na Coruña

Os importes acadados veñen confirmar a suba de prezos da madeira de coníferas avanzada en anteriores poxas, sendo previsible que continúen á alza no futuro debido a que esta madeira está sendo moi demandada internacionalmente

Cómpre destacar que 15 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis coa dobre certificación PEFC e FSC

Santiago de Compostela, 30 de maio do 2022.- A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de proceder na última poxa electrónica celebrada na Coruña ao alleamento de 23 lotes de madeira taxados inicialmente en 427.546,64 euros e que finalmente acadaron un valor total de 639.877,20 euros. Destes 23 lotes, catro quedaron desertos. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Xunta.

En total, os lotes suman 21.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. isto tradúcese nunha absorción de CO² de máis de 15.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, chegando a superarse os 60 euros por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país, e prezos ao redor dos 20 euros por tonelada para o puntal da mesma especie. Cómpre destacar que os mellores prezos acádanse na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Xunta, e enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que continúen á alza no futuro, debido a que a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.

Os lotes de madeira certificada cumpren cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Así, 15 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis coa dobre certificación PEFC e FSC. Ademais, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Cabe lembrar que -como no caso das poxas electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizaron todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexase puido seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Departamento:
C. do Medio Rural