A Xunta achega 2 M€ aos concellos para a dotación e mellora de pistas multideporte nos colexios ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de abrir o prazo para solicitar estas axudas

A Administración autonómica subvencionará ata o 85 % do custe destas infraestruturas de uso compartido entre os centros e os concellos

É a primeira vez que se habilita unha liña deste tipo, que incide na colaboración interinstitucional entre as administracións autonómica e locais
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2022

A Xunta de Galicia vén de habilitar unha novidosa liña de axudas de 2 M€ aos concellos para a dotación e mellora de pistas multideporte nos colexios públicos da Comunidade de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia para os centros escolares.

Trátase da primeira vez que o Goberno galego pon en marcha unha acción deste tipo, a través da cal a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financiará ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía.

Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia, ata o día 27 de xuño os concellos que o desexen poderán acollerse a esta convocatoria específica para pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño deberá ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

Preténdese, deste xeito, promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica de, candomenos, cinco deportes, nun espazo polifuncional.

Achegas segundo o número de habitantes

Así pois, os concellos de 5.000 habitantes ou menos recibirán da Xunta ata o 85 % da contía subvencionable ata un máximo de 85.000 € por proxecto. No caso dos concellos con poboacións de entre 5.000 e 15.000 habitantes a porcentaxe subvencionable será do 75 % e nos de poboación igual ou superior a 15.000 habitantes será do 60 %. Cada un deles poderá presentar unha solicitude cun único proxecto por concello.

Poderán beneficiarse destas axudas todos os concellos que acrediten a dispoñibilidade sobre os terreos ou inmobles nos que se pretende realizar as actuacións, así como que conten coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais preceptivas. Serán subvencionables todos os gastos relativos ás actuacións de recuperación, mellora e adecuación de pistas multideporte.

Esta liña de axudas vén a referendar a liña de traballo interinstitucional entre as administracións autonómica e local para o máximo aproveitamento das infraestruturas públicas. Nesta liña, cómpre lembrar ao acordo marco selado entre a Consellería e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do cal se regula a apertura das instalacións deportivas dos institutos ao seu uso por parte da cidadanía fóra do horario escolar.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica con 191 M€

A convocatoria enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica nos centros educativos, dotado de 191 M€, que se puxo en marcha o ano pasado co obxectivo de avanzar nun modelo de arquitectura institucional educativa acorde coas novas metodoloxías de aprendizaxe, cos novos espazos de socialización escolar e cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030, e tendo en conta ademais a experiencia das dinámicas escolares xeradas no contexto de pandemia.

Imaxes relacionadas