A Xunta pon de relevo na misión biolóxica de Galicia o traballo do centro de investigación forestal de Lourizán a prol da recuperación dos terreos afectados polo lume

A investigadora Cristina Fernández presentou os avances á hora de predicir o risco de erosión do solo tras os incendios forestais neste centro dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2022.- A Xunta vén de poñer de relevo o traballo do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán a prol da recuperación dos terreos afectados polo lume. Foi na Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

 

Así, a investigadora do CIF de Lourizán Cristina Fernández puido trasladar o labor que leva desenvolvendo desde o ano 1995 no departamento de Protección Forestal deste centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dentro da Consellería do Medio Rural. En concreto, das súas principais liñas de investigación, como a mellora das técnicas de prevención e avaliación dos impactos ecolóxicos dos incendios forestais, a análise da erosión post-incendio, as técnicas de estabilización do solo, a rexeneración natural da vexetación e a ecoloxía do lume.

 

Nesa liña, cabe lembrar que o Goberno galego ten actuado para recuperar os terreos onde se rexistraron incendios co mulching ou co helimulching, en función de se os traballos se realizan en áreas accesibles a pé ou en zonas de forte pendente, onde é preciso o helicóptero. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) co obxecto de minimizar o risco de perdas de solo tras os lumes.

Departamento:
C. do Medio Rural