O titular do Goberno galego asistiu hoxe ao XXXIII Congreso Nacional de Viúvas Hispania

Rueda destaca o compromiso da Xunta coa conciliación, o envellecemento activo e o impulso de medidas para paliar a soidade non desexada

Entre as medidas para impulsar a conciliación, resalta a gratuidade das escolas infantís para o próximo curso; ou as casas niño, para facilitar o coidado de menores en zonas rurais onde non hai escolas infantís

Recorda que a Comunidade conta cunha Estratexia Galega de Atención a Soidade non Desexada, para impulsar medidas que axuden a estas persoas a recuperar relacións e unha vida activa en sociedade

Pon en valor o labor da Confederación de federacións e asociacións de Viúvas Hispania, reflectido nunha traxectoria de máis de 50 anos, marcada pola contribución a ampliar os dereitos das mulleres e o seu papel en diferentes esferas da sociedade

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego coa conciliación, co envellecemento activo e co impulso de medidas para paliar a soidade non desexada.

Nesta liña, e durante a celebración do XXXIII Congreso Nacional de Viúvas Hispania, Rueda resaltou a gratuidade das escolas infantís para o próximo curso; ou o desenvolvemento das casas niño, para facilitar o coidado de menores en zonas rurais, onde non hai escolas infantís.

Así mesmo, recordou que a Comunidade conta cunha Estratexia Galega de Atención a Soidade non Desexada, para impulsar medidas que axuden a estas persoas a recuperar relacións e unha vida activa en sociedade. “Apoiamos tamén iniciativas para familiarizar aos maiores coas novas tecnoloxías; e puxemos en marcha a Estratexia Galega de Envellecemento Activo, co fin de promover medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida dos maiores e prolongar a súa autonomía”, engadiu.

O presidente da Xunta puxo en valor o labor da Confederación de federacións e asociacións de Viúvas Hispania, reflectido nunha traxectoria de máis de 50 anos, marcada polo impulso do movemento asociativo e pola contribución a ampliar os dereitos das mulleres e o seu papel en diferentes esferas da sociedade. Ademais de promover o envellecemento activo e a adaptación a unha sociedade cada vez máis dixitalizada. “Levades décadas camiñando xuntas e sendo exemplo de superación; dando apoio e facéndovos cada vez máis fortes e fundamentais”, concluíu.

Imaxes relacionadas